Adega conmemorará o Día da Terra cunha acción en rede

Adega conmemorará o Día da Terra cunha acción en rede

20 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Ponte no medio. Móvete polo territorio”, este é o nome da nova campaña que vén de impulsar Adega e coa que pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. Para iso, os membros do colectivo ecoloxista redactaron un manifesto que propón un decálogo de medidas concr

A campaña “Ponte no medio,. Móvete polo territorio” pretende , por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos (espazos naturais, medio rural, litoral e rías, paisaxe, bacías fluviais, desenvolvemento urbanístico, infraestruturas viarias e patrimonio histórico-cultural); e, por outra banda, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentable.

“Ponte no medio. Móvete polo territorio” avoga por un modelo de ordenación e xestión territorial racional, sustentable e con futuro baseado na recuperación do protagonismo colectivo da sociedade galega e a participación pública nos procesos de planificación e toma de decisión sobre a ordenación do territorio; pola creación de emprego a través da rehabilitación dos valores e recursos do noso territorio e polo impulso de medidas concretas contra a especulación. O manifesto co que se lanza a campaña reivindica a protección efectiva dos espazos “protexidos” a través de plans de xestión e conservación, a protección dos 500 metros da liña litoral, a recuperación dos espazos afectados pola minaría, a primacía do solo agropecuario e a súa xestión comunal fronte a intervención privada dos montes, a suspensión indefinida de novos proxectos hidroeléctricos, a potenciación dun transporte público colectivo máis ecolóxico e eficiente, a exclusión dos espazos protexidos dos proxectos acuícolas e de produción enerxética, un desenvolvemento urbanístico racional que prime os procesos de recuperación e rehabilitación e unha xestión descentralizada dos residuos. Promove, en definitiva, un maior esforzo no fomento de actitudes e comportamentos amigables co territorio e coa cultura de Galicia.

Son en total dez demandas de acción as que recolle o manifesto e que xa asinaron personalidades como: Xurxo Souto, Adela Figueroa, Margarita Ledo, Xosé Alfredo Pereira, Fernando de Abel Vilela, Manuel Gallego Jorreto, Xavier Amigo, Alba Nogueira, Adolfo Cordero, Rosario Álvarez, Goretti Sanmartín, Vadim Yurkevich, Emilio Carral, Beatriz Moyano, Calros Silvar, Jorge Coira, Celso Dourado, Teresa Moure, Isabel Risco, Xosé Manuel Penas Patiño, Chelo Pampillón e Luís Iglesia.

Día da Terra

Cada 22 de abril celébrase o Día da Terra para lembrar a responsabilidade social e de cada un de nós no coidado e protección do planeta. Este día Adega proponnos participar nunha acción en rede para reclamar a protección do noso territorio: paisaxes, bosques, rías, patrimonio cultural, biodiversidade... Para iso, convídannos a descargar unha faixa que podemos atopar na súa web e a facernos unha foto con ela fronte a unha paisaxe especial, unha desfeita que queiramos denunciar ou calquera outro lugar co que nos sintamos comprometidos ou identificados. De volta á casa, temos que enviar a instantánea por e-mail a adega@adega.info.

Xornada “Cultura e territorio”

Dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”, Adega organizou para o 30 deste mes de abril a xornada “Cultura e territorio”, que terá lugar no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo. O obxectivo do encontro é trasladar á sociedade galega unha dobre mensaxe: “debemos frear a desfeita territorial e procurar unha alternativa sustentable de ordenación, que conciba o territorio como un valor patrimonial e cultural que debemos protexer”, aseguran desde o colectivo.

O acto contará con tres mesas de debate nas que se analizarán a relación da tradición oral, da cultura galega e da arquitectura co territorio galego. Na primeira das mesas-coloquio, dedicada á tradición oral, intervirán voceiros do proxecto educativo Ponte nas Ondas, do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e o escritor e investigador da mitoloxía popular, Antonio Reigosa. A relación entre a cultura galega e o territorio será tratada polo experto en filoloxía medieval Ricardo Polín, o coordinador do Proxecto Terra, Xoán Manuel Rosales, e a autora de “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”, María López. Por último, na mesa sobre arquitectura e territorio participarán especialistas recoñecidos neste eido como os catedráticos en arquitectura Manuel Gallego Jorreto e Pascuala Campos Michelena, e dous dos coordinadores do proxecto “A Cidade dos Barrios” da Coruña promovida polo Colexio de Arquitectos de Galicia.

A mestra de música tradicional, Branca Villares, e os arquitectos Carlota Eirós e Alberte González encargaranse de moderar as respectivas mesas de debate.

Ás doce e media do mediodía, o politólogo galego e profesor titular de Ciencias Políticas e Administración da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, dará unha conferencia sobre a “Teoría do decrecemento”.

Sociedade