ADEGA reclama a caducidade dunha concesión hidroeléctrica de hai 88 anos no río Eo

ADEGA reclama a caducidade dunha concesión hidroeléctrica de hai 88 anos no río Eo

13 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación ecoloxista ADEGA presentou alegacións ao proxecto e ao Estudo de Impacto Ambiental da solicitude de rehabilitación do dereito de concesión, autorización e declaración de utilidade pública dun aproveitamento hidroeléctrico no río Eo, cuxa concesión data do ano 1.922.  A “antigüidade da concesión, a nula xustificación pública do proxecto na actualidade, a protección ambiental da zona

Segundo afirmaron desde ADEGA, o pasado 17 de abril a Confederación Hidrográfica do Cantábrico someteu a información pública a solicitude de rehabilitación do dereito de concesión e utilidade pública deste proxecto hidroeléctrico, que pretende captar algo máis de 10.000 litros/segundo de auga do río Eo á altura do concello de Ribeira de Piquín, entre as Insuas e o lugar de Mende, para a produción de enerxía eléctrica e rega. Este proxecto é orixinario dunha concesión de hai 88 anos a favor de José Oteiro Pereiro.  As obras deste aproveitamento foron iniciadas pero non pasaron da construción da presa de captación, da que aínda se conservan restos debaixo da ponte sobre o Eo  que une aos concellos de Pol e Meira con Chao de Pousadoiro.

No momento en que se fixo a concesión os pobos de Meira e Ribeira de Piquín aínda non dispuñan de enerxía eléctrica, polo que a concesión, cunha potencia de 3.929 kw, estaba xustificada para dar servizo a estas vilas luguesas. Sen embargo, segundo a asociación ecoloxista, “hoxe carece de toda lóxica, porque os nosos ríos están sobreexplotados e Galicia, actualmente, é excedente en este tipo de enerxía”.

Outra condición que en opinión de ADEGA invalida o proxecto é que está ubicado no núcleo mesmo da Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras do Burón”, e que afecta a un espazo da Rede Natura (LIC Río Eo ES 1120002) que ten “importantes hábitats comunitarios e con toda unha diversidade de especies de flora e fauna que estamos obrigados a conservar polas Directivas europeas”.
ADEGA fala tamén de “impactos sociais e económicos”, xa que o proxecto suporía “a derivación de practicamente todo o caudal do río ao longo dun treito de máis de 12 quilómetros. que deixa sen futuro a toda a riqueza e potencial piscícola do couto de Ribeira de Piquín, con máis de 800 socios”. Os ecoloxistas galegos incidiron en que tamén afectará a 255 parcelas dos veciños e veciñas da zona cunha superficie total de 117.200 m2,  e suporá “un impacto irreversible sobre un patrimonio arqueolóxico de enorme interese, como é o da explotación mineira de orixe romana de Montefurado”.  Este plan, en opinión de ADEGA, tamén “será unha das principais causas da degradación dos valores paisaxísticos do río Eo e do seu entorno, impedindo o desenvolvemento de calquera proxecto futuro  que poña en valor os recursos paisaxísticos, arqueolóxicos e etnográficos da zona”.
   
Charla sobre o tema en Chao do Pousadoiro   

ADEGA súmase así á reivindicación dos pescadores e veciños de Ribeira de Piquín, que o pasado sábado se manifestaban en Chao do Pousadoiro para rexeitar o proxecto. A asociación ecoloxista levará a cabo unha charla informativa que terá lugar este sábado 15 de maio, ás 5 da tarde na Escola Vella do Chao de Pousadoiro, na que se tratarán as características do aproveitamento hidroeléctrico, as súas consecuencias sobre o río, as parcelas afectadas e o patrimonio cultural e natural da zona.  Ademais porá a disposición do público un modelo de alegacións para presentar antes do 18 de maio.

Sociedade