Adestrador a tempo completo

Adestrador a tempo completo
28 de Maio, 2024 - 10:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Perlío feminino non moverá ficha no banco na próxima tempada. Continuará Rafa Afonso, que se dedicará a adestrar o equipo feminino a tempo completo, segundo anunciou en Radio Fene. Fíxose cargo da dirección deportiva do Perlío feminino na etapa final da Liga e opina que o equipo dá máis de si do que semella a súa duodécima posición na Terceira Galicia. Tanto el como as xogadoras Sabela López e Sara Rodríguez destacan a súa confianza no potencial do equipo.

ESCOITA O PODCAST:

“A tempada foi regular, teñen mellor equipo do que se viu na clasificación. Había máis potencial, quizá faltaba un pouco de confianza”, indica Rafa Afonso. A evolución do equipo nas últimas semanas foi a máis, opina Sabela López “Hai dous meses estábamos xogando mal, sen confianza, sen comunicación no campo, pero melloramos un montón, na forma de adestrar, no número de efectivos. Rematamos con bo sabor de boca dentro do que cabe e contentas para a próxima temporada”. Sara Rodríguez explica que seguirán adestrando ata fin de mes “Creo que todas temos un pouco de tristeza pola fin de tempada pero con gañas da seguinte”, apunta. 

“Que o pasen ben, penso que prima por riba dos resultados”. É a prioridade do adestrador para a próxima tempada. “Sempre abertos a novas incorporacións, calquera rapaza que queira probar o deporte, no Perlío estaremos abertos”, anima Rafa Afonso.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora