A agricultura ecolóxica continua a medrar

A agricultura ecolóxica continua a medrar

18 de Marzo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A agricultura ecolóxica, o consumo responsable e próximo estánse a configurar en alternativas vitais cada vez para máis xente. É posible e rendible producir en ecolóxico, segundo insiste a cooperativa A Xoaniña de Ferrol. En colaboración coa cooperativa do Val organizan para a vindeira semana un curso sobre Formación cooperativa para persoas que queiran emprender.

Os principais referentes mundiais en agricultura ecolóxica, entre eles o economista chileno Manfred Max-Neef, premio Nobel de Economía Alternativa, ou a especialista en agricultura urbana e periurbana, Marielle Dubbeling, daranse cita a finais de xuño en Vigo no V Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica.O congreso está organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo organiza e terá lugar os días 26, 27 e 28 de xuño de 2014. O lema desta edición é o de "Propostas agroecolóxicas ao industrialismo: recursos compartidos e respostas colectivas". Dende a organización salientan que "o obxectivo é discutir e aprender das propostas agroecolóxicas que se estean a desenvolver en Galiza, no Estado e no mundo".Neste sentido, fan un chamamento a participar no V Congreso aos axentes sociais, a labregos/as, a políticos/as, a científicos/as, a estudantes, aos movementos sociais e ás persoas interesadas e ás súas comunidades.O congreso conta co patrocinio da Universidade de Vigo, da Fundación Juana de Vega e do Proxecto SUPURBFOOD e coa colaboración do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, da UVIGO-TV , de FIARE e da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.

Sociedade