Agustín Fernández Paz: “Esta é a novela dunha viaxe interior”

Agustín Fernández Paz: “Esta é a novela dunha viaxe interior”

06 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Miguel Mendiguren é un cosmonauta galego. Mais un que surca un universo propio, o do seu paso á madurez. Faino asemellándose ao seu ídolo, ao ídolo de todos os nenos no ano 1961: o ruso Yuri Gagarin. Os foguetes do Vostok 1 propulsan ao primeiro ser humano ao espacio exterior e paralelamente, na España franquista, un rapaz coruñés tamén se proxecta cara ao seu futuro. “Cando un é novo, na infancia,

“A viaxe de Gagarin” devolve a Fernández Paz ao tempo da súa propia mocidade e obrígao tamén a recordar. “Nos anos 60 a memoria de moitas cousas que pasaban estaba absolutamente borrada”, di, e salienta que aínda hoxe descubre facetas agochadas grazas a obras que o sorprenden, como un volume recente que “reconstrúe a memoria do antifranquismo a través das cartas da (radio) Pirenaica”.

Para este retorno ao pasado, o escritor recoñece que “gastei ben máis horas de documentación que na propia redacción da novela”. “A documentación era moi bonita, moi descoñecida, pareceume de interese que non se perdera”, engade. Por iso decidíu poñela a disposición de todo o público, lector ou non do seu libro, nun blog que, precisa, funciona de xeito independente: “Non quería abrir un blog para falar da novela; ten que defenderse ela soa e se non, malo”.

Esta última obra é, para o propio Agustín Fernández Paz, “a novela dunha viaxe, dunha viaxe interior, unha novela de formación”. En certo modo emparéntao con outra obra do xénero, “Arredor de sí” de Ramón Otero Pedrayo. O escritor vilalbés vén de ser recoñecido co Premio Trasalba que concede a Fundación que leva o nome do creador de Adrián Solovio. Agradecido pola distinción, reflexiona: “Aos da miña xeración pasounos como a Solovio: despois de dar moitas voltas acabas descubrindo cando xa eres maior Galicia e a cultura galega”.

Cultura