Airiños de Fene camiño de Lorient por terceira vez.

Airiños de Fene camiño de Lorient por terceira vez.

10 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Banda de gaitas “Airiños de Fene” é unha das agrupacións presentes no Festival Intercéltico de Lorient no que este ano Galiza será o país convidado. O luns 3 de agosto subirán ao escenario do vello festival, creado en 1971.

A Lorient acudirán 44 persoas da banda de gaitas. Están a preparar un espectáculo dunha hora incluindo, canto, baile e danza. Na localidade bretona ofrecerán distintas actuacións, segundo explicou o presidente de Airiños de Fene Valentín García Modrón. A Banda de gaitas Airiños de Fene xa actuou en Lorient no ano 2001 e no 2004. Volverán agora neste exercicio do 2009. Como Galiza é a convidada, este ano mandará a unha nutrida representación e contará cunha carpa de 1000 metros cadrados para amosar os nosos encantos culturais. O dia 3 de agosto celebrase a Grande noite de Galiza coa actuación de Som de seu e Berrogüetto. Tamén esa noite actuan as bandas de gaitas entre as que se encontrará Airiños de Fene que acude por terceira vez ao encontro de Lorient.

O gaiteiro Carlos Nuñéz actuará o dia 6 xunto Chieftains, The Dubliners ou Liam O´Flynn. A sua traxectoria convertiu a Lorient na cita celta máis importante do mundo, con máis de medio millón de espectadores. Cada ano reune en máis de 20 escenarios ao máis granado do Atlántico.

Sociedade