Alcachofa ou cabeciña

Alcachofa ou cabeciña
22 de Maio, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

A alcachofa é un vexetal da familia dos cardos, orixinaria probablemente de Exipo ou, cando menos, do norte de África. Xa era coñecida en Roma.

A alcachofa introdúcese na península ibérica a través dos árabes que a denominan “cabeciña” e adoitaban cociñala en pota de cobre porque o ferro ponnas negras. Seguramente non pasou de ser adorno do xardín ás mesas ata os tempos dos Médici, no século XV, que a puxeron de moda como afrodisíaco. Néstor Luján reproducía no seu libro “Como piñones mondados” un cantar das verduleiras parisinas que decía: “Alcachofas, fermosas alcachofas,para a dona e o cabaleiro, para reconfortar o corpo e máis a alma e para ter o cu quente!” Na botica e herbarios dos mosteiros aprenderon no século XII os seus usos terapéuticos. As recoñecidas propiedades das follas, as que non son de comer, como diuréticas e para baleirar a vixiga do fel, non foron confirmadas pola ciencia. Mágoa! E non casan co viño. Mágoa tamén!

Dí Fausto Galdo no seu libro "O abecedario das mantenzas" que os galegos e galegas non somos moito de alcachofas e deberamos comelas máis pois teñen vitaminas e nutrientes. Cocíñanse de todas formas, especialmente cocidas en auga rica, cunha folla de loureiro, grans de pementa, zume de medio limón, aceite e sal. Están ricas envoltas en fariña e fritas, na ensalada rusa e nas minestras. Fritidas con cebola fan delicadas tortillas.

Cultura

Publica o teu comentario agora