A alegría de vivir

A alegría de vivir
04 de Marzo, 2021 - 10:27 h. | Publicada por Radio Fene

Alegría de vivir. Iso transmite a obra poética “Feliz idade” coa que Olga Novo recibiu o Premio Nacional de Poesía. Convidada ao club de lectura, deixounos un pouso de celebración da vida.  

ESCOITA O PODCAST:

Para a autora, é un acto de vontade ver a beleza para sobrevivir. “Se algo puxo de manifesto a pandemia foi o recurso da cultura como refuxio, a cultura que ten a beleza como bandeira” declarou Novo no noso club de lectura ao que a convidamos sen saber que nos deixaría un xute de optimismo. Nós prantexamoslle que a poesía é terreo fértil para o dramatismo. Ela contesta que o título da súa obra bota por terra esa idea, consciente de que hai certa pose de malditismo e de melancolía na idea que se ten do poeta. Ela non, ela concibe este poemario como "a alegría de vivir”, neste caso a alegría da creación da vida, da maternidade. “Nunha cultura nosa que mira moito cara á morte, hai que celebrar a vida, o amor, a existencia”. Confesa Olga Novo que este é o aspecto central da obra. Prantéxao como o cruce dunha vida que empeza e outra que está a piques de acabar. “Celébrase o ciclo da existencia”, convencida de que as persoas só desaparecen na súa materia individual. O ser sigue vivindo a través da súa descendencia e a través da memoria. “Ese é o corazón deste libro” insiste Novo quen, agradecendo o premio recibido, ela que non se presenta a premios, cre que é interesante desde o punto de vista do sistema literariorio. “O mellor é que se conceda a unha obra escrita en galego, desde a periferia”. Para Olga Novo ser poeta é unha maneira de situarse no mundo e de miralo desde unha posición sensible, especial. “A poesía é máis que un xénero litera-rio, se é que é un xénero”. Coincidiremos con ela as mulleres en que o embarazo é un momento pletórico. “Levas no corpo dous corazóns latexando a un tempo. É algo asombroso… Algo chega da nada para revolucionar a túa vida” di a autora, que non se sinte modelo de ninguén, pero entende que se lea ás autoras que che precederon. "É natural que pase".

 

(Participan no club de lectura: Andrés C.M. Riveira, Esther Val, Ana Varela e Henrique Sanfiz)

Fotografía: Anxo Cabada

Cultura

Publica o teu comentario agora