Alentador inicio

Alentador inicio
25 de Agosto, 2020 - 01:12 h. | Publicada por Radio Fene

Alentador inicio de tempada de Édgar Vigo e Fátima Ameneiro no Tour European Rally. A bordo dun dos novos Peugeot 208 Rally4, o equipo de Fene obtivo a segunda posición entre as 2 rodas motrices. “Gozamos moitísimo co coche. O seu motor turbo ofreceunos unhas prestacións que se adaptan perfectamente á nosa forma de condución e permitíronnos dar espectáculo en moitas cruces. Ademais, o segundo posto no TER anímanos de cara á nosa saída europea no resto de probas” afirmou Edgar Vigo.

Vigo e Ameneiro compiten no Tour European Rally

Os pilotos Edgar Vigo e Fatima Ameneiro comezaron a tempada a pasada fin de semana. Foi o Rallye de Ferrol a proba escollida para iniciar a competición nesta nova normalidade. A proba ferrolá, é a segunda cita puntuable para o Tour European Rally, o obxectivo do equipo neste 2020 dentro da categoría de 2 rodas motrices.

A toma de contacto de Vigo e Ameneiro co vehículo de GC Motorsport, comezou na mañá do venres no tramo de probas situado en Esmelle. Alí, o equipo aproveitou para probar todas as novidades que este vehículo presentaba con respecto ao modelo empregado en 2019, sendo o control de saída unha das principais novidades. Xa metidos en competición, esta comezou na tarde do venres coas especiais de Irixoa e Monfero a dobre pasada. Estes tramos son os preferidos dos feneses, pero unha grella de faros que apuntaba lixeiramente cara ao ceo, fixo perder algún tempo ao final da xornada. Na mañá do sábado, comezaba a segunda etapa coas especiais de San Sadurniño e As Somozas a dobre pasada e a de Ferrol, a unha única pasada. Foron uns tramos nos que o equipo non deixou de gozar e confirmar a segunda praza entre as 2 rodas motrices do Tour European Rally, por detrás do equipo de Jorge Cagiao e Amelia Blanco. “Despois de tanto tempo no dique seco a volta foi moi produtiva, logrando uns puntos moi interesantes para poder loitar con outros pilotos europeos. Agora necesitamos que se confirmen as probas e que se nos permita competir no estranxeiro para gozar deste novo reto” indicou Fátima Ameneiro. A seguinte proba do TER será finalmente o Transilvanian Rally en Rumania.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora