Alertan dunha anexión de facto de Cisxordania

Alertan dunha anexión de facto de Cisxordania
25 de Marzo, 2026 - 12:20 h. | Publicada por Radiofusión

O xornalista Ángel Martínez alerta dunha "anexión de facto" en Cisxordania mentres o foco mediático se desvía cara a Irán. A ofensiva israelí sobre os territorios palestinos non detén a súa presión. Segundo explicou o comunicador nunha entrevista, o goberno de Israel está a aproveitar que a atención mundial se centra en Gaza e no conflito con Irán para acelerar políticas de ocupación en Cisxordania.

 

ESCOITA O PODCAST:

O xornalista Angel Martinez falou para Radio Fene:
https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/210326MARTINEZ.mp3

Entre as medidas máis críticas, Martínez destacou a aprobación dunha nova lei de rexistro de terras. Esta norma obriga aos residentes palestinos a demostrar a súa propiedade con títulos oficiais, un requisito que moitos consideran un obstáculo insalvável e que o xornalista cualificou como unha "anexión de facto". A isto súmase a creación do "superasentamento" E1, con máis de 3.200 vivendas, que fragmenta o territorio e "enterra o soño dun Estado palestino".

Respecto á situación en Gaza, advertiu que o "alto o fogo" é un eufemismo, denunciando a existencia de fronteiras invisibles onde calquera civil que se achegue corre o risco de ser abatido por drons ou artillaría. Como resposta, o xornalista fixo un chamamento á solidariedade desde Galicia a través da mobilización social e o boicot (movemento BDS) contra empresas que colaboren coa colonización.

 

Angel Martinez traballa na actualidade en El Correo Gallego. Realizou coberturas en Afganistán, Siria, EEUU, Israel  e os territorios palestinos. Pronunciou unha charla sobre Palestina o pasado sábado ao remate da asemblea de Amnistia Internacional Galicia. 

Na imaxe charla de Angel Martinez no Ateneo Ferrolán. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora