Alonxar o Prestige foi un erro clamoroso, segundo a Audiencia

Alonxar o Prestige foi un erro clamoroso, segundo a Audiencia

06 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Audiencia Provincial da Coruña decidiu hoxe volver imputar ao ex director xeral da Mariña Mercante José Luis López Sors, responsabilizandoo da decisión de alonxar o Prestige da costa no ano 2002. Acusan ao alto cargo do Ministerio de Fomento de responsabilidade criminal con imprudencia grave e califican a decisión de levar o petroleiro mar adentro, como un erro clamoroso.

O pasado mes de maio a xuíza de Corcubión asegurou non ver indicios suficientes de que a decisión do ex director xeral da Mariña Mercante "agravase" o risco xerado polo petroleiro. A Audiencia Provincial da Coruña fixa agora o trasacordo na causa xudicial, atendendo aos diversos recursos de apelación presentados, un deles pola Plataforma Nunca Máis. Así, a Audiencia ordena outra vez a imputación do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. O motivo é a presunta "responsabilidade criminal con imprudencia grave" por ter promovido o afastamento do Prestige da costa, convertendo o accidente do petroleiro na catástrofe que despois sucedeu.

O tribunal coruñés botou por terra o auto da maxistrada Carmen Veiras, encargada do sumario, quen retirara a acusación contra López-Sors por considerar que actuou de forma "razoable e prudente" cando se negou a dar refuxio en porto ao petroleiro grego, o 13 de novembro de 2002, despois de que este sufrise unha vía de auga fronte á costa de Fisterra.

Sociedade