ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Concello de Fene acometerá a substitución da cuberta da Escola Curros Enríquez de Maniños, unha actuación destinada a garantir a conservación e posta en valor dun dos edificios máis emblemáticos do patrimonio indiano do municipio. O proxecto contempla a substitución integral da cuberta do edificio, co obxectivo de mellorar as condicións de salubridade e resolver os problemas derivados da deficiente evacuación das augas pluviais.

As obras serán posibles grazas á concesión dunha subvención da Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de axudas dirixido aos concellos para a realización de actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal durante o ano 2026. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “a Escola Curros Enríquez é moito máis ca un edificio; é un símbolo da solidariedade e do compromiso coa educación daqueles veciños e veciñas que, desde a emigración, contribuíron a construír o Fene que coñecemos hoxe”. A rexedora sinalou que “a conservación deste inmoble é unha responsabilidade coa nosa historia e coa memoria colectiva de Fene”. Neste sentido, subliñou que “esta actuación permitirá garantir a protección dun elemento patrimonial de enorme valor e asegurar que continúe sendo un espazo útil e vivo para o tecido asociativo de Maniños”. O investimento total ascende a 63.262,35 euros, dos que a administración provincial achegará 50.609,88 euros.
Desde o Concello de Fene destacan que esta intervención se enmarca na aposta municipal pola conservación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural, como ferramenta para reforzar a identidade do municipio e transmitir ás novas xeracións o legado recibido.
Mellorar a salubridade e frear as filtracións
O inmoble conta cunha cuberta a catro augas formada por tella cerámica curva sobre unha estrutura de madeira, cunha superficie aproximada de 238 metros cadrados. Tras a inspección realizada constatouse a existencia dun elevado número de tellas rotas, deformacións nos faldóns e a presenza de vexetación enraizada, o que dificultou a correcta evacuación da auga e provocou filtracións cara ao interior do edificio, deteriorando o falso teito de madeira existente. Para resolver estes problemas instalarase unha nova cuberta de tella cerámica curva vermella, unha solución que permitirá corrixir os problemas e garantir a adecuada protección do inmoble.O prazo estimado de execución dos traballos será de tres meses, unha vez se proceda á súa adxudicación.
Un legado da emigración fenesa en Cuba
A Escola Curros Enríquez constitúe un dos principais exemplos do legado indiano existente en Fene. Foi promovida pola sociedade "Naturais de Fene”, constituída na Habana en 1910 por emigrantes feneses, que impulsaron a construción da escola adicada a Curros en Maniños e a de Concepción Arenal en Fene a partir dos planos enviados desde Cuba. O edificio foi inaugurado en 1916 e, tras a desaparición da sociedade promotora en 1930 debido á crise económica, a entidade cedeulle ao Concello a propiedade dos edificios. Na actualidade, acolle a actividade de diversas entidades sociais.
Publica o teu comentario agora