As Amas de Casa de Fene cociñan como os anxos no Carnaval

As Amas de Casa de Fene cociñan como os anxos no Carnaval

10 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As Amas de Casa de Fene celebraron onte o seu concurso anual de Pratos do Antroido na sua sede da antiga escola Concepción Arenal en Chamoso. O fallo do xurado outorgóu o primeiro premio ás orellas de Angeles Rodríguez Pantín, o segundo ás flores da sartén de Olga Iglesias e o terceiro aos freixós de Carmiña Seco. Perto de cincuenta socias asistiron á degustación dos pratos presentados.

A Asociación de Amas de Casa e Consumo familiar de Fene sigue fiel ao seu concurso de pratos de Antroido que ano tras ano deixa os nosos padais aturdidos de sabores tan engaiolantes. Son, sen dubida, os pratos, doces e salgados, máis auténticos de cantos degustamos polo tempo do Carnaval. Porque son elas, as que con máis coñecemento e máis mimo se meten nos fogóns. 

Aprenderon das nais que á sua vez aprenderon das avoas e siguen cociñando para os demais. Son as mellores testemuñas dunha arte culinaria ancestral que sen elas morrerá, de seguir como van estes tempos de presas e esquemáticas innovacións gastronómicas. 

Aquí non hai "nouvelle cousine" nin farrapos de gaita. As orellas son orellas e os freixós son freixós, feitos con fariña da mellor, ovos da casa, levadura artesanal, caldo de porco, anís del mono e unhas mans de amasar que non teñen presa. 

Este ano presentáronse uns 10 pratos. Non faltou na mesa do seu local na antiga escola Concepción Arenal en Chamoso a cachola de porco con chourizo, rabo e grelos. No apartado das lambetadas houbo tres modalidades de orellas, a cal mellor, duas de freixós, buñuelos, unhas flores, rosquillas e torradas. Todo esquisito pero o xurado tivo que escoller e escolleu.E despois a concurrida mesa deu conta de todo.

Mágoa que este ano a Asociación de Amas de Casa de Fene non deu organizado a sua comparsa das "Vellas da troula" a única de Fene que se mantiña activa no Antroido. Circunstancias alleas á sua vontade causaron a deserción, pero o ano que ven seguro que volverán deleitarnos coa sua "marcha".

 

Sociedade