A ambigüidade da novela negra galega

A ambigüidade da novela negra galega
24 de Maio, 2021 - 01:24 h. | Publicada por Radio Culleredo

“A ambigüidade moral caracteriza á novela negra galega” afirma o escritor Antonio Tizón. O autor de “Os incurábeis” ven de participar no XVI Congreso de Novela e Cine Negro da Universidade de Salamanca, que se celebrou nesta cidade estre o 18 e o 21 de maio de 2021 cunha comunicación titulada El género negro en Galicia: la novela mulata. Na súa exposición, Tizón analizou a evolución do xénero negro e policial en Galicia, dende as súas orixes ata a actualidade, facendo especial énfase nas súas características e autores máis representativos, tamén nas escasísimas autoras.

Antonio Tizón en Radio Fene

Nesta panorámica aproximativa á novela negra galega, o literato galego abordou as tendencias fundamentais deste macroxénero, o negro e policial, que se manifestan en Galicia con diversas etiquetas e modalidades, dende as máis clásicas ata as máis innovadoras, pasando pola que Tizón chama “novela mulata”, un termo da súa invención que utilizou non só para explicar o seu propio proxecto narrativo, unha serie de cinco obras, das que se publicaron tres, A antesala luminosa (2015), Un home estraño (2018) e Os incurábeis 2020), senón que usou tamén este concepto para definir a esencia dun xénero, o negro, que está continuamente reinventándose a si mesmo e que se por algo se caracteriza, ademais de pola ambigüidade moral, o retrato dunha sociedade corrupta e a impunidade do poder fronte ao crime, é pola súa hibridación e mestizaxe. Tizón referiuse en Radio Fene á impunidade do poder por exemplo na guerra do Golfo, unha guerra claramente ilegal. Quen a desencadeou non está procesado, segundo o escritor.  Antonio Tizón asegurou así mesmo que un dos obxectivos fundamentais de presentar a súa comunicación neste ámbito incomparábel era contribuír a espertar o interese de todas as persoas especializadas procedentes de universidades e centros de investigación de todo mundo para acometer unha futura investigación, rigorosa, profunda e clarificadora, aínda hoxe inexistente, sobre esta temática: a novela negra galega.
 

Fotografía: Xan Xe Corral.

Cultura

Publica o teu comentario agora