Ameneiro e Vigo a Asturias

Ameneiro e Vigo a Asturias
11 de Setembro, 2019 - 09:07 h. | Publicada por Radio Fene

O Rallye Princesa de Asturias, puntuable para o European Iberian Rally Trophee, Super Campionato de España de Rallyes (S-CER) e Campionato de España de Rallyes de Asfalto (CERA) será a seguinte cita marcada no calendario de Edgar Vigo e Fátima Ameneiro. A proba asturiana, unha das de máis soleira do calendario estatal, presentará unha competición dividida en 2 etapas a disputar entre o venres 13 e o sábado 14, con tramos repartidos por unha boa parte do principado.

Edgar Vigo e Fátima Ameneiro

Despois do abandono sufrido en Ferrol, cando a falta de 1 tramo e cunha vantaxe de 1 minuto sobre o segundo clasificado de R2 os deportistas viron o final da súa carreira nunha curva de chea de grava, o obxectivo pasa por obter puntos e agardar polo resultado dos seus rivais. Os diferentes contratempos que viñeron experimentando ao longo desta tempada, provocaron que a clasificación estea moi costa arriba, pero como eles moi ben saben, mentres na calculadora dean os números, as opcións de campionato aínda están vivas.

 

Nesta ocasión, o equipo retornará á estrutura de GC Competición, cos que xa disputou o Rallye de Ourense e abandonou en Astorga. Este é un dos preparadores con maior experiencia neste tipo de coches e cun equipo humano dos que fan máis doadas as carreiras para quen compite ao seu lado.

 
"Despois do parón estival tivemos tempo de pensar e reformularnos a tempada. Desde agora xa non poderemos ir ao ataque e teremos que esperar a que se produzan erros dos nosos rivais. Sabemos que está complicado, pero non somos persoas de rendernos" afirma Edgar Vigo.

 

Fátima Ameneiro engadiu: "Desde este ralle contaremos co apoio de Heroína, unha tenda de roupa deportiva de Valencia e un aceite de oliva virxe extra malagueño que se enorgullecen daquelas mulleres que son un referente e loitadoras e para os que vou servir de representante nesta carreira e espero que moitas máis. Por min e por moitas máis heroínas"

Sergio Pena en Rianxo
Noutro orde de cousas, esta fin de semana disputouse en Rianxo a segunda das citas programadas dentro do Campionato de Galicia de Slalom (CGS). A esta proba desprazáronse 4 deportistas da escuadra de Fene, Sergio Pena e Dani Lamas, cada un cos seus afinados Citroën Saxo VTS e David Ponte e Zequi Galdo no novo coche escola de Scratch Fene, o Seat Arousa 1.0

 

A proba comezou de maneira accidentada para un Sergio Pena que, estreando un coche mercado o mércores anterior, viu como o cristal traseiro do seu Saxo voaba polo aire durante as mangas de adestramento. Nas mesmas, tanto Sergio como Dani xa demostraban que non habían ir a Rianxo de vacacións e que loitarían polo triunfo na carreira, tras obter un segundo  terceiro lugar en ambas as mangas. Ademais, dentro da categoría reservada aos vehículos de 1150cc ou menos, os pilotos do Coche Escola Scratch Fene, David e Zequi, ocupaban as 2 primeiras prazas da agrupación e metíanse entre os 10 primeiros.

 

Unha vez iniciada a competición oficial e xa con pneumáticos de competición, os tempos de Sergio e Dani melloraron e pasaron a ocupar a primeira e segunda posición do caixón do podium da proba cun tempo inferior aos 2 minutos. En terceira posición colocábase o piloto de Neda Iván Picallo. Con respecto á agrupación 1, David marcou o mellor tempo na primeira manga e Ezequiel o segundo pero, na segunda manga oficial, lixeiros problemas fixéronlles verse superados polo Peugeot 107 do piloto de Noia David Roo.

 

Con este resultado, Sergio Pena se sitá como lider do campionato galego de slalom e á súa vez, a Escuadra Scratch Fene tamén pasa a liderar a clasificación de escuadras por diante da Escuadra Moeche, presentándose unha dura loita ao longo da presente tempada.

 

A próxima cita do campionato terá lugar en Moeche o último fin de semana do presente mes de setembro.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora