Ameneiro e Vigo recupéranse tras o accidente de Lorca

Ameneiro e Vigo recupéranse tras o accidente de Lorca
12 de Marzo, 2019 - 02:27 h. | Publicada por Radio Fene

Mal inicio de tempada o vivido por Édgar Vigo e Fátima Ameneiro no VIII Rallye Terras Altas de Lorca no que os feneses competían dentro do SuperCampeonato de España de Rallyes. Nunha lixeira saída de estrada, o seu Peugeot 208 R2 calábase e non volvía arrincar. Debido a iso, á alta temperatura á que circulan elementos do vehículo como os freos e á sequedad do terreo, a herba baixo o vehículo comezou a arder provocando que se queimase parte do frontal do vehículo, sentindo os deportistas unha sensación de angustia e incredulidade ao ver que unha simple saída podía deixarlles sen coche. Grazas aos afeccionados alí presentes, o coche foi apartado da zona en chamas e con axuda do seu extintor de man, o dun membro da organización e unha manta ignífuga, o incendio no coche foi sufocado.

O coche de Ameneiro e Vigo tras o accidente de Lorca

O rallye até ese momento estaba a seguir a folla de ruta prefixada polos feneses. A adaptación ao coche era necesaria xa que o 208 é unha máquina de carreiras que é necesario coñecer ben para poder lograr os mellores rexistros e aos poucos o equipo ía collendo unha maior confianza e reducindo diferenzas co resto de competidores en monturas similares. A experiencia foi moi boa pero este golpe danou a moral do equipo.

 

Para Édgar Vigo, "É moi duro ver como en segundo podes chegar a perdelo todo nunha simple saída das que se poden ter nun rallye sen consecuencias. Grazas ao público salvamos o coche, pero a perda de puntuación nesta proba trastórnanos bastante os nosos plans desta tempada. Esperamos que a avaría provocada polo lume se quedara nos plásticos de defensa, faro e outros elementos sen chegar a danar seriamente ningún outro elemento do vehículo". Pola súa banda Fátima Ameneiro afirmou: "Custoume adaptarme a un coche tan nervioso como o 208, pero creo que o estabamos facendo ben, tendo en conta que non nos subimos no vehículo até o rallye e tivemos que ir aprendendo durante a carreira".

Deportes

Publica o teu comentario agora