Anímaste a bailar?

Anímaste a bailar?
14 de Febreiro, 2023 - 12:25 h. | Publicada por Radio Fene

San Valentín acolle este domingo o X Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”. Un total de 170 deportistas tomarán parte esta fin de semana na décima edición do Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”. 

 

Parellas e grupos procedentes de toda Galicia competirán nesta proba, válida para o ranking nacional, que comezará o domingo ás 10.00 horas no pavillón da Xunqueira e que se desenvolverá durante toda a xornada. Con entrada libre e de balde.

Catro serán as especialidades nas que competirán os participantes, comezando o primeiro bloque con Bailes Caribeños. A continuación darase paso á Danza Coreográfica e, para completar a xornada, haberá distintos bloques de Standard, Latino e Single. A proba contará cun total de oito xuíces que serán os encargados de decidir quen subirá ao podio nun dos eventos de baile deportivo máis importantes dentro do calendario galego. 

O Trofeo de Baile Deportivo está organizado pola Asociación Fene Movemento, coa colaboración do Concello de Fene. Desde a organización “queremos agradecer a implicación da Concellería de Deportes co Baile Deportivo e, en especial, con esta proba que chega xa á súa décima edición”. Ademais, animan á veciñanza de Fene e comarca a asistir como público a este evento que, sen dúbida, será do máis

animado e vistoso.

Deportes

Publica o teu comentario agora