Ana María Diaz: “E compatíble o cargo e a sentenza”

Ana María Diaz: “E compatíble o cargo e a sentenza”

02 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, considera que é ‘perfectamente compatíbel’ o seu cargo coa sentenza do Xulgado do Social número dous de Ferrol que a condena por despedimento improcedente dunha empregada do fogar que, ademais, traballaba na cociña dun restaurante da súa familia, sen contrato e sen dar de alta na Seguridade Social.

A representante da Consellaría de Traballo avanzou que iniciará "tódalas medidas legais" para solicitar a revisión do fallo xudicial e, así, restabelecer a súa "honra persoal e familiar" e "aclarar definitivamente os feitos", aparte de impedir que este caso se utilice "como unha arma arroxadiza pretendendo desgastar un labor de Goberno". Malia que o prazo para recorrer concluíu, precisou que no caso da revisión existe un período de cinco anos.

En rolda de prensa para avaliar os datos do paro, Díaz xustificou a compatibilidade do seu cargo coa resolución xudicial por soster que, malia "acatar a sentenza", non "comparte o fondo". Sobre este punto, reiterou que a demandante non traballara "nunca" na súa casa nin tiña "ningún tipo de relación mercantil" con ela, porque, como aclarou, a directora xeral "non formou nin forma parte" da sociedade condenada -que si integran o seu pai e o seu irmán-. "E porque eu non a despedira", agregou, contradecindo, xa que logo, a sentenza que declara demostrado que foi a actual directora xeral de Formación e Colocación quen despediu á traballadora.

Díaz descartou que exista un "erro xudicial", aínda que si admitiu "unha confusión de nomes" que, como manifestou, foi "malintencionada ou, se non propiciada" polos representantes legais da demandante. A directora xeral non puxo o seu cargo a disposición da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de quen asegurou que lle demostrou "de moi diversas formas" a súa "total confianza" dende que a sentenza transcendeu aos medios de comunicación en agosto.

Cuestionada sobre o debate deste caso no Parlamento de Galicia a próxima semana, Díaz afirmou non estar "en contra" de calquera actividade que se desenvolva na Cámara galega e respectar que o voceiro do PSdeG "lle faga esa pregunta á conselleira"


 

Díaz recoñeceu cometer "dous erros" en relación a esta sentenza. O primeiro deles, segundo expuxo, consistiu en non se presentar no xuízo. "Esta persoa non traballara nunca na miña casa, eu non tiña ningún tipo de relación mercantil con ela e eu non a despedira", asegurou para xustificar a súa ausencia.

Nesta liña, indicou que cando se ditou o fallo e a súa condena, o representante legal da sociedade mercantil efectuou o pagamento da indemnización. "Cometo o segundo erro de non recorrer a sentenza en tanto en canto entendía que iso quedaba no ámbito privado e eu tiña a miña conciencia moi limpa e moi clara", engadiu. Ana María Díaz tamén confirmou a súa decisión de iniciar medidas legais "á vista do xiro dos acontecementos" e solicitar a revisión da sentenza.

Sociedade