Andaina Por+Vida

Andaina Por+Vida
08 de Xuño, 2023 - 05:03 h. | Publicada por Radio Fene

Andaina por Fene da asociación oncohematolóxica Por + Vida este domingo, día 11. Unha cita destacada para anotar na axenda.  Desde os micrófonos de Radio Fene, a presidenta da entidade, Laura Cruz, e Rosa Graña, que forma parte da directiva da asociación, animaron a todas as persoas a participar na Andaina 

ESCOITA O PODCAST:

Por+Vida convoca á veciñanza de Fene e da comarca a sumarse a camiñada que naceu a raíz da creación, hai dezaseis anos, do Programa de Educación Física contra a fatiga oncolóxica. Trátase dunha iniciativa solidaria. “Cada ano dedicamos os cartos da recadación a unha causa, este ano serán para investigación”, explica Laura Cruz. “Pode asistir todo o que queira, o percorrido faise moi ben, que ninguén lle teña medo”, sinala Rosa Graña. A camiñada comezará ás 11 horas, da praza do Concello, pero convén achegarse antes, ás 10.30, para a recollida de dorsais. Ao remate, o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz, dará lectura ao Manifesto conmemorativo. Emilio Romero Fabal será o encargado da presentación do evento, no que se dedicarán recordos a Pitusa Arias e a Herminia, que era integrante da asociación. Tamén haberá sorteo de regalos doados polas entidades colaboradoras: a Asociación de Comerciantes, Lotería As Meigas, Organiza Viajes e Quiromasaje David Bieito. Para rematar, está prevista a actuación do grupo Os Tabernícolas. Por+Vida ofrece apoio e asesoramento a persoas que teñen cancro e ás súas familias. Tamén organiza distintas actividades. Despois da Andaina de este domingo, teñen prevista unha charla sobre o Testamento Vital o vindeiro día 15, ás 19h na Casa da Cultura, a cargo de Miguel Anxo García Alvarez, presidente da Asociación Dereito a Morrer Dignamente. Para o día 19 programan, na súa sede, un curso de auto-maquillaxe dirixido persoas que están recibindo tratamento contra o cancro. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora