Annus horribilis

Annus horribilis
09 de Xaneiro, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Vai camiño de converterse nun annus horribilis para o emprego en Ferrolterra. Os estaleiros non dan axilizado o proceso de rexuvenecemento dos seus planteis, xa aprobado. Na antiga Bazán o comité de empresa denuncia un valeiro de carga de traballo ao longo deste exercicio e de parte do 2022. En Astano os sindicatos reclaman proxectos completos de buques para complementar as previsións de carteira de pedidos no sector da enerxía eólica mariña.

Vista panorámica de Navantia Fene

Navantia Fene comezará de inmediato as tarefas de montaxe do guindastre de 1.600 toneladas que o estaleiro contratou para os traballos de Saint Brieuc, o parque de Iberdrola na Bretaña francesa. Serán 62 jackets cun orzamento de 350 millóns de euros. Navantia e Windar fabricarán de xeito simultáneo nun estaleiro de Brest e na factoría de Fene. Mentres tanto entra en fase final o programa Kinkardine, parque de eólica mariña que Cobra instalará en augas de Escocia. Dúas das cinco estruturas flotantes xa foron entregadas. En Fene atópanse a terceira e a quinta unidade.  A cuarta unidade ensamblouse en Puerto Real Cádiz e se espera que chegue en breve á ría de Ferrol. Está previsto que as tres unidades permanezan na antiga Astano ata o mes de marzo.

Fragatas para a Armada
Navantia Ferrol terá que agardar ata o segundo trimestre do 2022 para iniciar o corte de chapa da primeira unidade da serie F 110. Na factoría desenvólvense agora os traballos de enxeñería para lograr un alto grado de madurez cando arrinque a construción. Ciberseguridade, sistema de servizos integrados, control de pesos e comunicacións son algúns dos apartados. Participan un gran número de empresas españolas de todos os sectores. Navantia construirá cinco fragatas para a Armada española.

Sociedade

Publica o teu comentario agora