Anos da fame e humillacións

Na década dos 40 Carvalho Calero reclúese en Ferrol
18 de Decembro, 2020 - 11:15 h. | Publicada por Radio Fene

O decenio negro na vida dun Ricardo Carvalho Calero en liberdade condicional, con traballo en precario e medio clandestino.

ESCOITA O PODCAST:

No mes de maio de 1941 Ricardo Carvalho Calero sae do cárcere en liberdade condicional e instálase en Ferrol coa súa familia por un período de dez anos, o tempo que lle resta para cumprir a pena. Unha das condicións desa liberdade é que non poderá saír da cidade. Unicamente houbo unha excepción, o permiso para viaxar a Lugo e asistir ao enterro do seu sogro. Outra condición era presentarse na cadea cada primeiro de mes. Foron tempos difíciles para o profesor ferrolán pola situación política e persoal.

A través de amizades que tiña na súa cidade natal pode empezar a dar clases en colexios privados medio clandestinamente, en condición precarias e escaso salario. Paradoxalmente nesta etapa, nos anos corenta, Carvalho escribe moito “quizás como liberación interior, sen esperanzas de publicar” afirma o seu biógrafo Martinho Montero. Pouco a pouco a finais da década empézase a publicar en galego. No 1949 Carvalho Calero publica numerosos artigos de crítica literaria baixo o pseudónimo de “Fernando Cadaval”.

1950 será un ano decisivo para o escritor ferrolán. A súa vida da un novo xiro do que falaremos na seguinte entrega.

 

(Na imaxe, exposición actual sobre Carvalho Calero na Praza de Armas de Ferrol)

Cultura

Publica o teu comentario agora