Anova celebra primarias para as listas de En Marea

Anova celebra primarias para as listas de En Marea

18 de Maio, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A militancia de Anova vota nas primarias para as listas de En Marea. Durante todo o día de hoxe e até mañá ás 11:00h a militancia de Anova está convocada para votar telematicamente as persoas a se integraren pola organización nas listas para novas as eleccións ás Cortes do Estado do 26 de xuño. Con respecto ás primarias para as eleccións do pasado 20D non houbo demasiadas mudanzas nas persoas candidatas.

Pola circunscrición da Coruña concorren ao Congreso, Gladys Afonso Lobato, Jorge Caeiro Rodríguez, Gelasio Varela Gesto e Eduardo García Santiago; e para a lista do Senado, Iria Otero Romero e Mónica Montero Borrazás.
No caso de Pontevedra concorren para o Congreso, Alexandra Fernández Gómez e David Carballal Vázquez, non habendo persoas candidatas para as listas do Senado.No caso de Ourense concorre para a lista ao Congreso, Victor Manuel Gil Lamas; e na do Senado Pilar Barros Barco e David Fernández Calviño.

Ningunha persoa manifestou o seu desexo de presentarse para optar por Anova ás listas de Lugo. Neste último punto aclárase que Miguel Anxo Fernán Vello entrou como número 1 pola lista ao Congreso de Lugo, non por cota partidaria de Anova, senón como figura de consenso por parte de toda a coalición. Habida conta de que o compromiso é manter as listas de En Marea alleas ás decisións dos partidos da coalición, Miguel Anxo manteráse pois nese mesmo posto na lista de Lugo.

Por outra banda, a Comisión Permanente de Anova terá hoxe unha xuntanza para, entre outras cousas, definir a pregunta ou preguntas para unha nova consulta interna nos vindeiros días, sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións, da que darán cumprida información.

Sociedade