A Anpa do Manuel Masdías non se rende

A Anpa do Manuel Masdías non se rende

11 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un grupo de pais e nais de alumnos do CEIP Manuel Masdías de Caranza iniciou esta tarde un peche en dependencias municipais do Concello de Ferrol. Con esta medida reclaman á Xunta de Galicia que dote ao centro do profesorado de apoio necesario “e que non escatime esforzos na debida atención ao ensino público e, sobre todo, aos nenos e ás nenas que precisen dese reforzo”.

Nun comunicado feito público esta tarde, a Anpa do colexio ferrolán lembra que na actualidade o número de horas que se poden atender coa dotación de apoio no centro é de 64, “mentres que as necesidades supoñen moitas máis”. Aseguran que o profesorado de Pedagoxía Terapéutica esgota prácticamente o seu tempo en apoio a un único alumno “debido ás características especiais das súas conductas”. O mesmo que a dotación de Audición e Linguaxe e de Apoio á Integración. Segundo a Asociación de Nais e Pais, as horas dispoñibles polos profesores de apoio non son suficientes para atender a todos os alumnos e alumnas que o precisan.

Diante desta situación, membros da Anpa do Manuel Masdías iniciaron esta tarde un peche de 24 horas no Concello de Ferrol onde permanecerán ate as catro do serán de mañá xoves.

Sociedade