Ansia de festa en San Valentín

Ansia de festa en San Valentín
26 de Xaneiro, 2023 - 09:56 h. | Publicada por Radio Fene

Hai ganas de festa en San Valentín. E para sacialas un grupo de veciños e veciñas están a organizar os festexos que se celebrarán o sábado 11 de febreiro no paseo marítimo. Unha representación da comisión de festas, Juan Miraz, Belén Cardeña, Yosua López e Roberto Pazos, pasou por Radio Fene para informar da marcha dos preparativos.

ESCOITA O PODCAST:

“Isto comeza con unha reunión de veciños tomando algo, nos xuntamos persoas que fixemos no seu día a celebración do 40 aniversario do barrio, despois quixemos facer as festas que ao principio foran na primeira fin de semana de xuño, falamos desa data e pedimos orzamentos pero veu a covid”, lembra Juan Miraz. A pandemia parouno todo e agora a festa “coincide co 52 aniversario do barrio, como se foran as vodas de ouro”.“Pedimos a colaboración dos veciños, de momento temos aproximadamente a metade  do barrio sondeado e temos unha resposta marabillosa dos veciños e veciñas”. Empezaron a pedir colaboracións con bo resultado. “A verdade é que a resposta está a ser moi boa, comezamos polos locais comerciais, están animados e teñen ganas de festa”, indica Belén. “A xente ten ganas de xuntarse, temos ganas de ver o barrio cheo, xuntándose para comer pasándoo todos ben, o barrio merece a pena e hai que gozalo, a ver se temos sorte co tempo”, apunta Yosua.

Comerciantes e residentes en San Valentín colaboran economicamente para facer posible a festa. A comisión organizadora anima a toda a veciñanza a axudar economicamente na medida das súas posibilidades para que todo o mundo poida gozar das festas. Na medida das posibilidades intentarán “a ver se o domingo podemos facer algo máis, intentar facer unha vermú larga, segundo a recadación poder poñer algo máis para os nenos, queremos recordar vellos tempos, os nosos pais comezaron facela e seguimos a tradición, queremos que non se perda”, manifestou Roberto. De momento, está decidido que haberá sesión vermú e verbena, tamén se traballa coa intención de que haxa pasarrúas e animación para o público infantil. 

Orgullosos do seu barrio, queren que a festa sexa unha ocasión para fomentar a convivencia veciñal e darlle continuidade a unha tradición herdada. San Valentín parece estar de moda. Foi escenario dunha sesión fotográfica para a colección de roupa de Zara, coa repercusión que ten todo o protagonismo por Inditex. Tamén foi seleccionada como unha das localizacións elixidas para a rodaxe da nova temporada da serie de televisión “Rapa”. Será polas vistas da ría, será pola tradición industrial, na veciñanza descoñecen o motivo, pero están orgullosos de vivir en San Valentín. Un lugar tranquilo, onde todo o mundo se coñece. Iso si, botan en falta, e aproveitan para reivindicalo, un banco e un supermercado.



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora