Antón Bao comprometeuse a axudar a reparar as deficiencias da Casa da Cultura de Castro tras comprobar o seu mal estado

Antón Bao comprometeuse a axudar a reparar as deficiencias da Casa da Cultura de Castro tras comprobar o seu mal estado

05 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acudiu esta mañá a Castro de Riebiras de Lea para revisar o estado da Casa da Cultura, comprobar in situ as deficiencias estruturais e construtivas que presenta o edificio para poder avaliar as necesidades e axudar ao Concello chairego na mellora desta infraestrutura que permita o seu uso para actividades de tipo cultural ou institucional. Bao estivo acompañado polos concelleiros do BNG, Serafín Carballo (cul

Na súa visita polas dependencias desta infraestrutura, o responsable provincial puido advertir e comprobar, guiado polos membros do consistorio local, as numerosas eivas que afectan á estrutura e á construción da Casa da Cultura, pese a que se trata dunha edificación moderna. Neste sentido, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, dixo que o deseño do edificio ía “contra da lóxica arquitectónica como un país como este ou para Concellos como o de Castro”. Por iso, o mandatario provincial pediu “sentido” ás administracións cando afronten proxectos construtivos.

Por estas razóns, tanto o vicepresidente da Deputación e os membros do equipo de goberno do Concello propuxeron o estudo das diversas opcións que se poden barallar para chegar a unha solución dos defectos que percibiron durante a visita. Tras esta comprobación inicial, procederase a unha avaliación de cara ás actuacións a realizar para conseguir unha Casa da Cultura operativa e en perfectas condicións así como definir a súa utilidade.

A pesar das condicións da instalación, Antón Bao anunciou o seu compromiso para que a Casa da Cultura de Castro Ribeiras do Lea “conte cun equipamento mínimo que permita desenvolver todo tipo de actos culturais”. Esta axuda forma parte da política de apoio da Deputación á cultura luguesa, xa que “é necesario ter unhas instalacións culturais debidamente equipadas para posibilitar que tanto as asociacións culturais coma os propios concellos poidan desenvolver a súa actividade cultural, que vai en beneficio de todas e todos”. O vicepresidente da Deputación afirmou que “desde as institucións con responsabilidade en materia cultural deberíase de actuar con máis sentido para que non se leven a cabo proxectos construtivos que se ven que van en contra da lóxica arquitectónica dun país e en contra das necesidades dun pobo, resultando en edificios con deficiencias estruturais como este e pouco axeitado para o seu uso”.

Pola súa banda, o concelleiro Serafín Carballo coincidiu na necesidade de “subsanar as deficiencias das que nos decatamos e cumprir cos requisitos e poder empregalo cedo en condicións normais”. Para elo será necesario, entre “outras cousas, tratar de adaptar o auditorio e o escenario cunhas condicións mínimas para poder aproveitalo e facer eventos e actos culturais en Castro de Ribeiras de Lea, porque non temos ningún espazo para poder isto”. Por esta razón, Serafín Carballo solicitou “a colaboración da vicepresidencia primeira da Deputación Provincial e esperemos que entre esta e o Concello podamos botar a andar a este edificio para que non se siga deteriorando”.

“Legado cunha difícil solución”

O alcalde de Castro de Rei, o socialista Juan José Díaz Valiño, tamén se referiu ao edificio castrexo, do que afirmou que era “un legado de difícil solución”, xa que o edificio se proxectou durante o mandato do anterior equipo de goberno, pertencente ao PPdeG. De aí que Valiño agradecese o apoio do organismo provincial.

O edil chairego estableceu que este problema non era o único, posto que “tivemos mais exemplos como o da Casa da Cultura. O Centro de Saúde non tiña ascensor e tivémolo que poñer e o Xeriátrico de Castro está traballando para poder poñelo en marcha, porque había moitos defectos arquitectónicos  e construtivos no propio edificio, ao igual que a gardería, que abría ata as 4 da tarde, que non é forma de conciliar a vida familiar e laboral. Por iso, ao pouco tempo de estar no Concello a abrimos ata as 8 do serán”.

Díaz Valiño tamén amosou o seu disgusto polo trato da Xunta ao seu concello, xa que dixo que está “desaparecida para Castro. O único que recibimos da Xunta é a petición de que completemos con cartos as instalacións da TDT, cando é unha competencia deles ou que retira o diñeiro para a recollida dos residuos voluminosos, danos unha pequena subvención e o resto o temos que poñer nós”. O alcalde socialista tamén indicou que desde o Executivo galego se “denegou do Inega para a iluminación da vila de Castro de Rei, que é patrimonio histórico artístico”. Valiño pediu, ademais,  “que nos dea unha resposta similar a do estado co plan E ou a Deputación tanto por parte de presidencia como a vicepresidencia primeira con Antón Bao á fronte”.

Sociedade