Antón Bao e Antonio Veiga entregan os premios do Correlingua 2010

Antón Bao e Antonio Veiga entregan os premios do Correlingua 2010

12 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Praza de Santa María de Lugo foi o espazo escollido polo vicepresidente da Deputación de Lugo mailo delegado de Cultura da Deputación de Lugo, os nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga, para entregar esta mañá os premios aos rapaces e rapazas que gañaron o Correlingua 2010 polos seus manifestos en defensa do idioma e as súas pancartas. O Gregorio Sánchez de Sarria, e o Quiroga Ballesteros e As Mercedes de Lugo, foron os triunfadores no certam

Na entrega dos galardóns, Antón Bao fixo referencia á necesidade de ter unha educación en galego, ao afirmar que “actos coma este, onde moreas de nenos e nenas reivindican o dereito a seren educados en galego, deberían servir como un toque de atención para que a Xunta de Galicia se dese conta da nefasta política lingüística que está a levar a cabo”.

O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, quen entregou os premios aos rapaces do Gregorio Sánchez de Sarria, o Quiroga Ballesteros e As Mercedes de Lugo, valorou moi positivamente a actividade e agradeceu o esforzo dos organizadores por poñela en marcha un ano máis, observando como cada ano se mantén a participación igual que edicións anteriores.

Mais de 1.600 alumnos participantes

Máis de 1600 estudantes de case 30 centros de ensino lucenses participaron na carreira pola lingua, que os levou a dar unha volta á muralla antes da entrega de premios e da actuación de Chévere e García MC na Praza de Santa María.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), A Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración dos Concellos da Coruña e Ourense e as deputacións da Coruña e Lugo; así como dos concellos onde se organiza a actividade. As entidades organizadoras consideran fundamental implicar a mocidade, un sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega que debe ter un papel activo no mesmo.

A denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, Correlingua, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego, e tamén, a exercer de maneira efectiva como galegas e galegos a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Sociedade