Anxo Quintana defende en Vilalba un goberno que faga fronte aos problemas de Galicia sen render contas a Madrid

Anxo Quintana defende en Vilalba un goberno que faga fronte aos problemas de Galicia sen render contas a Madrid

05 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia polo BNG, Anxo Quintana, defendeu onte en Vilalba a necesidade de que a nosa comunidade teña un “goberno que non renda contas ante Madrid” e que “traballe para facer fronte aos problemas de Galicia”. O l&i

O político de Allariz fixo balance do traballo do seu partido durante a lexislatura deixando claro que o sei principal interese foron os intereses dos galegos. “Puidémonos equivocar, porque ninguén está libre de cometer erros, pero onde non nos equivocamos foi en defender os intereses dos galegos por riba das multinacionais e das empresas de fóra de Galicia”, estableceu Anxo Quintana.

Como parte desa defensa de Galicia, o candidato do BNG recordou a creación da Lei de Comercio, que permitiu “favorecer aos pequenos e medianos comerciantes galegos”; o complemento económico para as pensións máis baixas, “para paliar a desigualdade dos nosos cidadáns con respecto a outras comunidades”, xa que Galicia “é unha das autonomías na que os pensionistas teñen menos poder adquisitivo”; ademais de defender o concurso eólico, que facilitará “cambiar a historia enerxética do país”.

Sen embargo, o punto principal do seu discurso recaeu na opción do BNG como único partido que pode garantir a independencia con respecto ao goberno central na xestión dos recursos. Para Quintana, o nacionalismo galego é o camiño para “non render contas a Madrid”, para “ter un goberno que non se cruce de brazos e faga fronte aos problemas sen pedir permiso a Madrid”. De igual forma, sostivo que a representación do Bloque na Carrera de San Jerónimo permitiu a Galicia “ser unha forza política decisiva”, polo que a xente “sabe que é o que pode facer o BNG, que pode dicir con orgullo que nós podemos decidir”.

Quintana tamén defendeu a existencia dun debate entre os principais candidatos á Xunta, e que o PPdeG non pode coartar esa posibilidade á cidadanía, porque o debate representa un dereito da xente para coñecer as posicións dos partidos e poder votar con coherencia e responsabilidade. “Feijóo non quere que haxa unha confrontación, non quere que a xente poida comparar. Os debates son un dereito da xente para poder decidir con criterio e responsabilidade e cando un partido político elude un debate tamén elude ese dereito, por iso nós nos comprometemos a acudir a calquera debate que se convoque”, considerou o líder nacionalista.

Por último, tamén pediu unha afluencia masiva ás urnas o 1 de marzo, porque “todos son necesarios para que o cambio non se pare”. “O PP vai en coalición coa abstención e nós temos que facer o contrario, acudir a votar”, valorou Quintana.

O acto do BNG en Vilalba tamén contou coa participación do número un das listas por Lugo, o Conselleiro de Innovación e Industria Fernando Blanco. O candidato lucense defendeu a súa xestión na concesión dos parques eólicos como parte dunha “política enerxética que beneficie aos galegos”. Blanco argumentou que un “14,2 % dos beneficios dos aeroxeradores” irán a parar “a todos os cidadáns da nosa comunidade”, ademais de “xerar un investimento de máis de 5.000 millóns de euros e 8.000 postos de traballo”.

Outro dos piares do seu discurso foi o problema financeiro actual. Como parte de solución admitiu que “si os bancos pechan as portas, a administración terá que abrilas para permitir que se produza un aumento do consumo e do emprego”, e prometeu que o goberno do BNG estará sempre do lado “da xente, das Pemes e de quen o precise”. A política de Vivenda do Bloque,”que deu servizo á xente e rematou cun modelo especulativo” e o Banco de Terras, “que incrementou a calidade do chan para o sector agrogandeiro”, foron outros dos logros do seu partido que destacou Fernando Blanco na súa intervención.

A número doce por Lugo, Pilar Prieto, deixou claro, no seu relatorio, que o BNG “foi capaz de levar a acabo unha idea de país”, e que ten unha clara política de transformacións”. Cambios que se plasmaron nas accións das consellerías nacionalistas no goberno da Xunta e que se levarán a cabo de ter representación no executivo autonómico, porque o seu partido é “un partido inconformista, que quere máis, sempre defendendo aos galegos”.

Da mesma maneira se amosou o voceiro do BNG no Concello de Vilalba, Xosé Manuel Irimia, que valorou ao Bloque como un partido “ao servizo do compromiso con Galicia, que quere e loita por seguir avanzando e mellorar a nosa Terra”.

Sociedade