"Ao meu pai que veu desde Murcia"

"Ao meu pai que veu desde Murcia"
17 de Abril, 2026 - 08:01 h. | Publicada por Radiofusión

"Adícolle este premio ao meu pai que veu desde Murcia para estar neste acto" afirmou Gael Ares ao recoller o premio Quero Cantar na Gala da Cultura da Deputación da Coruña, celebrada na tarde noite de onte no Teatro Colón. Gael Ares pechou o acto de xeito fermoso, interpretando un tema conxuntamente co dúo Caamaño & Ameixeiras. A cultura non é o devalar da tradición, non é a adoración de cinzas, é a transmisión do lume, manifestou un dos premiados. 

Un acto que comezou coa entrega dos premios Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, que na súa IX edición pasaron da área de Cultura da Deputación á de Igualdade para recaer nas produtoras Mala Herba na modalidade de iniciativa e Illa Bufarda en recoñecemento á súa traxectoria.

Deseño e cine

A continuación pasaron polo escenario Rosario Forján e Alfredo Olmedo, de D-Due, que recolleron o galardón da primeira edición Luis Seoane de deseño.

Outra primeira edición que se entregou esta noite foi a de José Gil de filmes en lingua galega, que foron un recoñecemento ao guión de longametraxes de ficción para Ángela Andrade e en documental para Borja Casal. Doutra banda, a traxectoria de Margarita Ledo foi recoñecida pola súa relevancia no audiovisual galego. Carol Núñez, da Galería Vilaseco da Coruña, foi a encargada de recoller o premio que na XX edición do Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica foi para Regina Giménez. Tras ela, Juan Manuel de la Quintana e Ana Gesto recibiron respectivamente os galardóns da XX edición dos premios internacionais Luís Ksado de creación fotográfica e Isaac Díaz Pardo de Arte.

Premios literarios

Ao longo da tarde Pablo Escudero e José "Estro" Montaña subiron ao escenario do Teatro Colón para recibir os premios do XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, nas categorías en lingua castelá e galega respectivamente. Manuel Barreiro, Elías Taño e Giovanna Lopalco, premiados co Castelao en banda deseñada, mostraron en directo os seus dotes artísticos antes de recoller os seus galardóns. Tras eles, Xosé Manoel Núñez Seixas recolleu o premio Manuel Murguía de ensaio e Antía Yáñez o Raíña Lupa de literatura infantil. A parte musical dos premios comezou co máis novo dos premiados nesta edición no VIII concurso Quero Cantar, que recolleu Gael Ares por Bule bule, tema que foi cantado polos presentadores da gala, o mesmo que fixeron con Preto de ti, da categoría xuvenil, co que foron premiadas Emma & Candela. Pola súa banda, Hugo Gómez-Chao Porta, director artístico do festival RESIS, foi o encargado de recoller o premio internacional Andrés Gaos que na XVI edición recoñeceu o traballo do director e compositor Aitor Vázquez. A V Gala finalizou coa presenza de Belem Tajes, premiada no XVII concurso Fran Pérez Narf. Pronunciaron sendos discursos a deputada de Cultura Natividade González e o presidente da Deputación Valentín González Formoso.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora