Apoio á petición de carga de traballo para o sector naval

Apoio á petición de carga de traballo para o sector naval
02 de Agosto, 2019 - 08:35 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene apoia a petición de carga de traballo para o sector naval. Acordouno así na sesión plenaria de carácter ordinario celebrada na tarde de onte. Navantia é un referente mundial na elaboración de buques militares e civís, afirmase na moción aprobada. Os estaleiros seguen a xogar un papel crucial no benestar dunha comarca con escasa diversificación industrial.

ESCOITA O PODCAST:

http://173.255.131.18/audio/020819MARTINEZ.MP3 Mari Carmen Martínez (Esquerda Unida)

http://173.255.131.18/audio/020819TRIGO.MP3 Juventino Trigo (Bloque Nacionalista Galego)

http://173.255.131.18/audio/020819PINEIRO.MP3 Mar Piñeiro (PSdeG PSOE)

http://173.255.131.18/audio/020819BERTOA.MP3 Rocío Bértoa (Partido Popular)

Pleno do Concello de Fene. 1 de agosto de 2019

A iniciativa cualifica de “luz de esperanza” o proceso de rexuvenecemento do cadro de persoal pero reclama medidas concretas para solucionar o baleiro de carga de traballo este ano, en 2020 e 2021. Os niveis de paro desde o remate do verán medrarán pois as F 110 non aportarán carga de traballo efectiva ata dentro de dous anos. A moción apunta que a contratación dun Buque de aprovisionamento e combate para a Armada Española permitiría cubrir o baleiro de ocupación. Juventino Trigo, do BNG, reclamou o acceso dos estaleiros tamén á construción naval civil e a recuperación do cen por cen das prexubilacións. Mari Carmen Martinez, de Esquerda Unida, indicou que en Navantia Fene quedan só un cento de traballadores e non se repuxeron con eses postos de traballo con novas incorporacións. A moción aprobouse por unanimidade.

Axuda no fogar

O pleno decidiu adxudicar definitivamente o servizo de axuda no fogar a Atendo calidade S.L Abonarase á empresa 15,80 euros a hora de servizos ordinarios. Atendo calidade encargaráse da atención domiciliaria para persoas dependentes por un prazo dun ano prorrogable a outro ano. No pasado exercicio atendeuse a 106 cidadáns con 34 persoas empregadas. Rozáronse as 60.000 horas, cifra que se espera incrementar nos vindeiros meses. O Servizo de Axuda no Fogar constitúeo o conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia, co fin de atender as necesidades básicas da vida diaria e incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu domicilio.“Os expedientes administrativos deben ser transparentes e entendibeis” afirmou a concelleira do PSOE Mar Piñeiro. Reclamou unha mellor elaboración dos pregos de condicións.  Saíu adiante a adxudicación cos votos favorábeis do PP e as abstencións de BNG, PSOE e Esquerda Unida.

O servizo de Intervención informou do período medio de pago de facturas situado nos dezanove e nos dezaseis días no primeiro e no segundo trimestre do 2019. A concelleira de Facenda Rocio Bértoa salientou a inexistencia de débeda bancaria. En 2018 saldáronse todos os préstamos cos bancos, segundo precisou Bértoa. Juventino Trigo, do Bloque Nacionalista Galego, acusou ao grupo de goberno de descontrol no gasto e indicou que realmente o período medio de pago situouse nos trinta e cinco dias. Mar Piñeiro, do PSOE reclamou máis transparencia nas facturas e o cumprimento estrito do prazo legal de pago. Mari Carmen Martinez de Esquerda Unida coincidiu na demanda de rapidez dos pagos.

O Concello aprobou por unanimidade unha moción en contra do cambio climático e decidiu nomear a María José Paz Rodriguez como representante técnico do Concello de Fene no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Votaron a favor os concelleiros do PP e do PSOE coa abstención de BNG e Esquerda Unida.

Rogos e preguntas

En rogos e preguntas, o BNG trasladou queixas polo que cualificou como “abandono xeral do Concello”. As obras remátanse mal, non se cortan as silveiras, non hai limpeza nas rúas, segundo Juventino Trigo.

A socialista Mar Piñeiro compartiu a sensación de “abandono” poñendo como exemplo a colocación de contedores nunha beirarrúa da rúa Telleiras que conta con sesenta e cinco centímetros de ancho. O PSOE reclamou desbroces de camiños en Sillobre, o abastecemento de auga en vivendas de Limodre e cualificou de intransitable a situación do camiño da Corredoira en Maniños. Reclamou a continuidade das beirarrúas na travesía da Armada entre Maniños e Limodre. O alcalde Gumersindo Galego indicou que xa están solicitadas á Deputación a continuidade das urbanizacións da estrada de Barallobre e da Armada.

Esquerda Unida reclamou o desbroce da finca situada á altura do número trinta e oito da rúa Telleiras. Está abandonada e hai moitas ratas, segundo Mari Carmen Martínez que tamén preguntou pola organización da homenaxe ao alcalde Ramón Souto que se tería que celebrar no presente mes de agosto.

Auga a Magalofes

A empresa Proyfe comprometeuse a actualizar o proxecto de abastecemento de auga a Magalofes na reunión mantida co presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso. O alcalde precisou a necesidade de modificar os orzamentos e as condicións técnicas daquel documento para esta iniciativa moi reclamada pola veciñanza da zona.

 

Protestas cidadáns

Un veciño indicou que xa avisou en tres ocasións da necesidade de modificar a colocación dos contedores da rúa Telleiras. "Xa vin dúas veces de palabra e dúas ocasións por escrito e as persoas con cadeira de rodas ou con carriños de rodas teñen que baixar das beirarrúas e transitar pola calzada co conseguinte perigo" afirmou. .

Outro cidadán reclamou que se obrigue aos propietarios das parcelas da avenida do Tarrío para rozar as súas propiedades.

"No camiño do Coto Pequeno en Limodre hai dificultades de acceso", segundo explicou un grupo de veciños da zona que denunciaron a colocación de pedras e a falta de visibilidade dun sinal de stop pola existencia dun seto que invade a zona pública. O alcalde respostou que se abriu un expediente no que se obriga a outro cidadán a cortar o seto na parcela do comezo do vial.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora