Apoio ao tecido asociativo

Apoio ao tecido asociativo
29 de Setembro, 2023 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

Catorce entidades deportivas, doce asociacións culturais e seis ANPAS optan ás subvencións convocadas polo Concello de Fene. A liña de axudas municipais de concorrencia competitiva para 2023 pechou este luns o prazo de solicitude. Falamos deste e doutros asuntos cos concelleiros de Cultura, Justo Ardá, e de Deportes, Adán Chao.

ESCOITA O PODCAST:

Recibíronse no Concello trinta e dúas solicitudes para unha convocatoria que ten unha dotación económica de 105.800 euros. Destínanse a entidades sen fin de lucro. O Concello apoia así o labor que desenvolven no municipio as asociacións. “Para nós é moi importante o tecido asociativo de Fene e esta é unha forma de axudalos no labor que fan, tanto no núcleo urbano como na zona rural”, destacou Justo Ardá, que tamén valorou moi positivamente a oferta cultural do municipio coa recente celebración de eventos como o Festival Internacional Entes Animados, o Fenerock organizado polos Centolos e a exposición dedicada á revista satírica Can sen Dono, que pode visitarse no Museo do Humor Xaquín Marín ata o 27 de outubro. 

A contía máxima das subvencións municipais sen fins de lucro “pode chegar a 1.500 euros para ANPAS,12.000 euros para as entidades culturais e 15.000 para as deportivas”, lembrou Adán Chao. O responsable municipal de Deportes destacou, ademais, que este ano aumentou a demanda de prazas nas actividades das escolas deportivas municipais. A boa resposta veciñal a este programa provocou lista de agarda nalgúns deportes, como pilates, patinaxe ou baloncesto, e foi necesario crear varios grupos. Son, en total, 109 os grupos formados. Natación segue a ser a actividades máis demandada, con 756 persoas dun total de 1.100 matriculadas nas distintas actividades ofertadas no programa municipal de escolas deportivas. 

Institucional

Publica o teu comentario agora