Apoio masivo da cidadanía a prol da reactivación de Astano

Apoio masivo da cidadanía a prol da reactivación de Astano

07 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O conxunto da poboación da comarca está a apoiar a recollida de sinaturas para poder presentar no Parlamento galego unha Inicativa Lexislativa Popular en defensa da reactivación do antigo estaleiro de Fene. Así o afirmaba nun comunicado á prensa a comisión Rumbo21.

Xa conseguiron as 15.000 sinaturas necesarias, aínda que a Comisión Promotora vai solicitar á Xunta Electoral de Galiza unha prórroga dun mes para superar a cifra que establece a lei con respecto ás iniciativas populares. Se isto se cumpre, a ILP debaterase na cámara galega antes do Nadal. A súa aprobación significaría un mandato expreso da cidadanía de Ferrolterra e do Parlamento galego para Zapatero, que tería que asumir a súa xestión na súa axenda como Presidente da Unión Europea.

Cómpre destacar que a maioría dos asinantes da ILP son veciños e veciñas dos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o que indica que a sociedade comarcal está a demandar con forza que a antiga Astano volva a construir barcos e a recuperar a súa actividade dentro da industria naval civil. Esta reivindicación ten aínda un maior respaldo social nun momento como o actual,  con milleiros de traballadores no paro en toda a comarca. Nunca unha iniciativa popular obtivo un apoio tan contundente dentro dunha única comarca do país, segundo Rumbo21.

A Comisión Promotora, a través de Rumbo21, agradece a labor que están a facer todas as persoas que se compremeteron na recollida de sinaturas e agradece tamén o compromiso persoal dos milleiros de cidadáns que coa súa sinatura posibilitarán que se faga o último esforzo por reactivar un estaleiro que ten que xogar un papel clave na creación de emprego e na reactivación económica e social de Ferrolterra.

Sociedade