Aposta pola reciclaxe

Aposta pola reciclaxe
29 de Setembro, 2021 - 05:16 h. | Publicada por Radio Fene

Leva dez anos en funcionamento. O Centro Ocupacional de ASPANEPS encárgase do mantemento da área de compostaxe comunitaria das vivendas do Castro en Perlío. A veciñanza deposita alí os seus residuos orgánicos, baixo a supervisión dos alumnos e alumnas. O persoal do servizo de xardíns do Concello de Fene colabora aportando restos de poda e a edil de Servizos Mar Piñeiro percibe un descenso no lixo depositado na zona no contedor verde, que logo debe levarse a SOGAMA. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) está a visitar os 30 domicilios de Fene que contan con composteiro. O Concello repartiu os recipientes o pasado 30 de xuño. Para finais de ano sairá o primeiro abono producido cos restos deses fogares. A entidade ecoloxista tamén supervisa o funcionamento da área comunitaria de Perlío.

A bióloga de ADEGA no centro ocupacional de ASPANEPS

Tanto nos composteiros individuais como nos comunitarios, restos de cociña, café, vexetais, restos de poda e follas secas mistúranse para obter o compós. O obxectivo é non recorrer ao contedor verde para a materia orgánica, segundo a bióloga e técnica de ADEGA María Amigo. Os restos de poda e follas secas forman o material estruturante do compós. Hai que botar tanta cantidade dese material como de residuos orgánicos. O erro máis habitual nos composteiros individuais é non remexer, apunta a bióloga.  
"Temos que reciclar máis residuos. Tamén reducir e reutillizar. A Unión Europea obriga a reducir o volume de lixo e se non se cumpre haberá que pagar multas e iso vai repercutir nos petos de todo o mundo. Hai que cambiar o chip por iso e por compromiso co planeta que imos deixar a futuras xeneracións", afirma María Amigo. 
O Concello de Fene proxecta preparar tamén áreas de compostaxe comunitaria en Sillobre e San Valentín nun prazo estimado nun mes. Logo colocaranse este tipo de contedores tamén nas restantes parroquias para potenciar a reciclaxe e reducir o volume de lixo que se ten que levar a SOGAMA.

Sociedade

Publica o teu comentario agora