Araceli Freire: “As mulleres defenderon, cos apeiros de labranza como armas, os montes en man común”

Araceli Freire: “As mulleres defenderon, cos apeiros de labranza como armas, os montes en man común”

12 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Primeiro a través de trámites administrativos e despois cos apeiros de labranza como armas, as mulleres do rural defenderon a propiedade veciñal dos montes en man común durante o franquismo. A súa loita, cuxos froitos continúan vixentes, centran o estudo O monte é noso, que lle supuxo á investigadora Araceli Freire a consecución premio de ensaio Xohana Torres.

O réxime estableceu uns concertos en virtude dos cales os concellos cedían os montes veciñais ao patrimonio forestal do Estado. Deste xeito, os habitantes do rural quedaban sen a posibilidade de utilizar eses terreos para recoller leña, alimentar o gando ou cultivar. Tralos intentos de parar esa medida polo legal, as mulleres comezaron a utilizar a forza. “Emprenderon accións de tipo directo coas únicas armas que tiñan ao seu alcance: os aparellos de labranza”, explica Araceli Freire. A investigadora coida que as mulleres se converteron en protagonistas desas revoltas porque a represión do réxime resultaba máis dura cando as protestas as encabezaban homes. “No caso de Mazaricos, onde a protesta foi masculina, producíronse dous mortos e varios feridos”, explica.

“Na maioría dos casos a loita tivo éxito, xa que os montes con posterioridade se devolveron ás comunidade de veciños”, destaca Araceli Freire. A hipótese da investigadora é que a Lei de Montes do 68 é froito directo das revoltas encabezadas por mulleres. Os resultados do seu traballo pódense ler no ensaio O monte é noso. Conflitividade social no medio rural galego durante o Franquismo. O papel das mulleres na defensa dos montes veciñais en man común, pero continuará afondando no tema para a elaboración da súa tese doutoral, que agarda rematar a finais de 2013.

Sociedade