Arte e industria

Arte e industria
03 de Decembro, 2022 - 12:05 h. | Publicada por Radio Fene

“Ser fillo de obreiro e nacer nunha zona industrial como Fene fíxome ver a parte práctica e poñer o produto artístico ao alcance das empresas”, declarou a Radio Fene o escultor Pablo Ardao. Traballa nunha empresa de Lugo e volve a Fene o 10 de decembro para impartir un curso de iniciación ao modelado no Centro de Criación Artística Laudas Calamity. 

ESCOITA O PODCAST:

Os moldes son necesarios na arte e tamén na industria. Para replicar calquera peza. “Serven para reproducir calquera volume, calquera obxecto dos que temos na casa, un prato, un vaso, un rato dun ordenador…está feito con un molde, para poder producir en masa e que saian todos iguais”. “O modelado é á escultura o mesmo que o debuxo para a pintura”, explica Ardao. “Para aprender a tallar primeiro hai que saber modelar”. O escultor fenés formouse na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña, a mesma da que foi alumno Pablo Ruiz Picasso e deu clase o pai do artista, José Ruiz. Alí chegou Ardao, porque lle gustaba moito debuxar e logo da frustración que lle producían os estudos de Bacharelato, e atopou a súa vocación. Na súa traxectoria profesional figuran encargos para Inditex e para PCM, unha empresa de Lugo na que traballa actualmente e que fai obras para a catedral da Sagrada Familia de Barcelona. Especialista en modelado e tamén implicado na transmisión dos seus coñecementos. “No curso miraremos materiais, ferramentas, tipos de pastas para modelar e o procedemento”. Impartirá o curso o día 10 de decembro, sábado, no Centro de Criación Artística Laudas Calamity da rúa Cruceiro, 5 de Perlío. A sesión será pola mañá. Só quedan dúas prazas. Máis información no correo electrónico:  laudascalamity@gmail.com 

Cultura

Publica o teu comentario agora