Arte na rúa. Distrito Mallos.

Arte na rúa. Distrito Mallos.
28 de Xaneiro, 2021 - 10:53 h. | Publicada por Radio Fene

"Arte na rúa. Distrito Mallos" foi unha experiencia cultural celebrada durante sete dias nunha rúa da Coruña por artistas que apoiaron dese xeito o pequeno comercio local.

ESCOITA O PODCAST:

A pintora coruñesa Chelo Facal está detrás dunha iniciativa que se levou a cabo no barrio coruñés dos Mallos coa intención de dar vida a unha zona moi castigada pola crise anterior e a actual crise sanitaria. Os pequenos comercios quedaron encantados da iniciativa na que participaron pintoras, cómicos e unha exposición colectiva no taller da artista, ubicado na rúa Angel Senra, onde se desenvolveu a actividade en plena campaña de Nadal. “A idea xurdiu para promocionar o pequeno comercio local, mover xente do centro aos barrios” afirma Chelo Facal. Coa Covid19 non foi posible convocar a moita xente pero durante sete dias foron pasando persoas que se paraban a ver os cadros e de paso os comercios do barrio.

Os artistas pintaron cadros a ambas marxes da rúa, actuaron os cómicos ofrecendo un espectáculo de circo aos nenos e nenas e, no taller de Facal ofrecíase unha mostra de pintura de tres artistas convidados. Un vídeo dá boa conta desta iniciativa que contou co apoio do concello da Coruña. Chelo Facal está disposta a repetir a experiencia noutros barrios coruñeses e mesmo exportar a idea a outros concellos. "Con poucos cartos pódese activar a vida de moitos lugares, máis se cabe nestes momentos" di convencida. De momento aí quedou a experiencia “Arte na rúa. Distrito Mallos”.

Cultura

Publica o teu comentario agora