Artistas, hábitos saudabeis e tapas

Artistas, hábitos saudabeis e tapas
27 de Febreiro, 2025 - 09:04 h. | Publicada por Radio Fene

O Entroido chega mañá venres á Praza Ramón Souto de Fene. Os artistas de Centieiras, comparsa do Colexio público Centieiras achegaráse á Casa do Concello entre as nove e media e as dez e media da mañá. O colexio Jorge Juan de Perlío tamén se achegará ao mesmo lugar. Sairán do centro educativo ás dez e media da mañá. Os hábitos saudabeis presiden a celebración. A rapazada de Infantil, Primaria e ESO disfrazanse de cociñeiros, sanitarios, deportistas e froitas. Cos pais e nais acudirán á Praza do Alcalde Ramón Souto onde ofrecerán un espectáculo de cantos e bailes. En Narón nesta xornada de xoves comeza o concurso de tapas de Carnaval. 

Fotografia Xan Xe

A concelleira de Promoción Económica de Narón, Olga Ameneiro, avanzou que un total de dezasete establecementos de hostalería participarán dende hoxe, e ata o vindeiro 6 de marzo, no Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello. A clientela destes establecementos poderá degustar, por un prezo de tres euros por tapa, as elaboracións presentadas ao certame, que se servirán ao mediodía e pola noite, tal e como se estableceu. Os locais: Chacho qué bueno!; Silver; O Tapeo; Casa Sindo; Mamá Flora; Clandestino Burger; El Olivo Cocina Bar; Salsiña restaurante; Ronnie; Fame Kanalla; Lambetadas; O Rincón de Trini, O Lugar, Mesón de La Abuela; Café Restaurante Kensington; A Serra y Chips participarán neste concurso, moitos deles por vez primeira, ofrecendo unha gran variedade de elaboracións con produtos da tempada do Entroido. A clientela que acuda a estes locais de hostalería e deguste as tapas poderá puntualas -de 1 a 5- a través dun código QR que haberá en cada establecemento. Para que os votos sexan válidos e participar no sorteo dos agasallos deberán votarse como mínimo catro tapas diferentes deste certame.
Unha vez rematado o concurso, a clientela que emitiu os seus votos entrará no sorteo de tres ceas a celebrar nun dos establecementos participantes que elixa e nunha data acordada previamente. Pola súa banda, os locais de hostalería participantes optan a dous premios, un concedido por un xurado  profesional e outro por un xurado popular, que en ambos casos serán de 500 euros, unha chaqueta de chef e unha placa conmemorativa desta convocatoria.  A edil de Promoción Económica agradeceu a participación da Asociación de Hostaleiros en xeral e dos locais de hostalería que se inscribiron neste concurso “por implicarse nos eventos gastronómicos impulsados dende o Concello”. Así mesmo, animou á cidadanía de Narón e tamén doutras localidades “a achegarse ata estes establecementos para degustar as elaboracións de Entroido que prepararon, votalas e optar aos agasallos desta campaña”. Olga Ameneiro asegurou que a iniciativa “ten unha moi boa acollida entre a cidadanía e permítenos dinamizar o sector durante estas datas e dar a coñecer a diversidade e calidade da hostalería local”. 

 

Imaxe. Entroido Fene. 2023

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora