Arzúa contará con dous espazos para xogos tradicionais

Arzúa contará con dous espazos para xogos tradicionais

25 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa creará dúas áreas de xogos tradicionais coa finalidade de recuperar ou potenciar os xogos que tradicionalmente se viñan practicando no rural galego. Trátase de xogos e tradicións previos á revolución informática, xogos que potencian unha aprendizaxe espacial complexa, o desenvolvemento das habilidades psicomotrices e a relaci

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, explicou esta mañá que se trata dun proxecto que “dará un lugar fixo a determinados xogos que necesitan un espazo específico e que é compatible co espazo público contemporáneo”.

Deste xeito, crearase unha zona para o xogo da chave, nas súas catro modalidades máis en uso en Galicia; unha zona para o xogo da petanca, coas medidas estándar da Federación Galega; e zonas un pouco máis ambiguas para xogos variados como a mariola.

Para facer realidade este proxecto o Concello de Arzúa tiña concedida unha subvención de 86.801,71 euros a través da liña de axudas abertas pola Consellería de Medio Rural para os proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia. Sen embargo e dado que o Concello non podía facer fronte aos 111.376 euros restantes para a execución completa do proxecto, o equipo de goberno solicitou da Deputación Provincial unha subvención por este importe para completar a financiamento do proxecto que permitirá o acondicionamento de dúas zonas para xogos tradicionais en Arzúa.

Segundo informou o Alcalde de Arzúa esta mañá, a Deputación Provincial aprobará no Pleno Ordinario que se celebrará mañá a partir das 12 do medio día, o proxecto presentado polo Goberno de Arzúa, o que suporá “que nas vindeiras datas contaremos en Arzúa cunha área de xogos tradicionais e populares, o que nos permitirá apreciar o seu grande valor como transmisores de cultura e de coñecemento, e sobre todo a recuperación de valores que xeración tras xeración foron quedando no camiño”.

O rexedor arzuán aproveitou a ocasión para agradecer ao ente provincial “a súa atención co noso concello e a boa disposición amosada á hora de colaborar na mellora da prestación dos servizos que se lle ofrecen aos nosos veciños”.

Financiamento para a IIª Fase da Gradaría no Campo de Fútbol

Na sesión plenaria de mañá, a Deputación Provincial dará tamén o visto bo á solicitude de financiamento efectuada polo Goberno de Arzúa para acometer as obras precisas para a construción da IIª Fase da Gradaría do Campo de Fútbol no Complexo deportivo de O Viso.

O ente provincial fará unha achega de 297.692 euros que serán empregados no acondicionamento dos vestiarios baixo as gradas e na execución das instalacións accesorias e outras complementarias unha vez que, na primeira fase xa se incluíron os traballos correspondentes a demolicións, escavacións, construción das estruturas con formigón e aceiro e outras actuacións de cerramentos e acabados, que constitúen a construción do gradaría en si mesmo. Esta primeira fase xa fora subvencionada no seu día pola Deputación provincial mediante unha achega de 300.000 euros, tendo que aportar o Concello das arcas municipais outros 31.364, para complementar o importe previsto nesta fase inicial.

Con esta última colaboración cuxa aprobación se fará efectiva no día de mañá, o Concello de Arzúa contará coa financiamento necesaria para comezar unhas obras que permitirán crear unhas gradas de “primeira calidade en Arzúa, tanto pola súa comodidade como pola seguridade que se ofrecerá aos usuarios”, comentaba esta mañá o Alcalde, que Lembraba ademais que “o Complexo deportivo de O Viso ofrece a día de hoxe unhas instalación deportivas de primeiro nivel, o broche final poñerase coa acometida dunha actuación como a que hoxe facemos pública e que supón un grande esforzo e un investimento moi importante”.

Deportes