Arzúa solicita melloras no entorno da estrada AC-905 que conduce a Vila de Cruces

Arzúa solicita melloras no entorno da estrada AC-905 que conduce a Vila de Cruces

13 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O alcalde de Arzúa, Xaquín García, remitiu hai uns días á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas unha solicitude na que demanda unha serie de melloras naqueles tramos que quedaron fóra do novo trazado da Estrada AC-905 que conduce dende Arzúa ata Vila de Cruces. No escrito achegado ao conselleiro, Agustín Hernández, o alcalde

O malestar de moitos destes veciños foi recollido polo alcalde, quen lle deu traslado á Consellería para que tome cartas no asunto canto antes.

Dende o Concello tamén se fixo especial fincapé na recuperación e mellora do entorno da Fonte Santa, un enclave paisaxístico de grande valor natural que quedou á marxe do novo trazado e para o que o alcalde solicitou unha serie de actuacións: rehabilitación do petril e da ponte actual; mellora da accesibilidade e esparcimento no entorno mediante a apertura de novas sendas e habilitación de espazos de recreo; tamén se solicita a reposición do firme que dá acceso ao entorno e a sinalización axeitada desta área.

O alcalde, Xaquín García, formulou no seu escrito a posibilidade de que os técnicos da Consellería xunto cos propios do Concello elaborasen unha memoria conxunta para executar todas estas actuacións, de xeito especial as que van encamiñadas a mellorar o acceso aos domicilios dos veciños da zona “por tratarse dunha demanda á que é preciso dar resposta canto antes, pois entendemos que garantirlle aos nosos veciños un acceso ás súas vivendas nunhas condicións de comodidade e seguridade é un servizo indispensable”, explicaba o Alcalde.

Dende o Concello de Arzúa tamén se fixo coñecedora á Administración Autonómica da necesidade de acondicionamento da estrada AC-207, no tramo que vai dende o Cruce de Dombodán ata o lugar das Hortas, xa que se trata dun vial de titularidade autonómica que se atopa actualmente nun importante estado de abandono. Xaquín García sinalou que “o Concello podería asumir tanto esta vía como os tramos que quedaron fóra do novo trazado da estrada AC-905 unha vez que estean debidamente acondicionados”.

Institucional