Así era Galicia cando Felipe V era o Borbón no trono

Así era Galicia cando Felipe V era o Borbón no trono

19 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O monarca español Felipe VI recibe mañá mércores aos deputados e deputadas de En Marea dentro da rolda de consultas que está a manter cos representantes parlamentarios previa á formación dun Goberno. É un episodio máis na xa longa historia da relación entre a monarquía borbónica e Galicia. O Campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do seminario científico &ldq

A iniciativa enmárcase dentro das actividades programadas no proxecto de I+D subvencionado polo Ministerio de Economía e Competitividade Galicia e a instauración dos Borbóns, levado a cabo polo equipo de investigación en Historia Moderna da Universidade de Vigo. O principal obxectivo deste proxecto, salienta a súa directora, María López, é fomentar a análise comparada e o debate arredor de como afectou, nos diferentes aspectos, a Galicia a chegada e a instauración da monarquía borbónica, ademais de difundir os resultados das investigacións efectuadas nese eido nas diferentes universidades. Con el, apunta, dáse continuidade a unha liña de investigación na que o seu equipo vén traballando desde fai varios anos e que se ten materializado en diversos proxectos.

Interdisciplinar

Estruturado en tres sesións, o seminario, realizado coa colaboración da Facultade de Historia, conta cunha primeira parte na que se abordará o trinomio espazo, poder e institucións desde distintos puntos de vista e con diferentes enfoques, atendendo á diversidade institucional e instancias de poder existentes no reino de Galicia. A segunda parte versará sobre o poder e a dinámica política na vertente militar e eclesiástica e a terceira sobre os gobernos urbanos e os seus actores, as elites e oligarquías dirixentes, a través da análise de diversos estudos de caso e aspectos da xestión municipal, entre elas a de Ourense.

Sendo o seu enfoque interdisciplinar unha das principais novidades deste seminario, a cita contará con expertos e expertas das tres universidades galegas, das áreas de historia, historia do dereito, historia política, ciencias políticas e socioloxía. Por parte da Universidade de Vigo alén de María López, presidenta do comité organizador do seminario, estarán María Seijas, José M. González, Laura Rodicio e Antonio Presedo. Da Universidade da Coruña participarán José M. Cardesín, Eduardo Cebreiros e José Manuel Vázquez, e da Universidade de Santiago de Compostela Manuel M. de Artaza e Mª del Carmen Saavedra. Nas súas intervencións afondarán en cuestións como os correxidores entre 1700 e 1759, o conflito foral na Galicia de Felipe V, a organización militar trala paz de Utrecht ou a política naval do monarca no territorio galego.

Aínda que se trata dun seminario científico, a súa responsable salienta que está aberto á asistencia dos membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral interesados nesta materia. As persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse de balde poden facelo nos despachos 0.8 e 0.12 do Pavillón 2 do campus de Ourense ou no enderezo electrónico lrodicio@uvigo.es.

Sociedade