Dos datos recabados constátase unha diminución xeneralizada e recorrente de ingresos durante todos os veráns, especialmente marcada nas patoloxías respiratorias, aínda que existe unha importante relación entre as temperaturas máximas e mínimas cos ingresos hospitalarios urxentes. As diferenzas estacionais e a variabilidade espazo-temporal das hospitalizacións maniféstanse de forma máis clara nos menores de 5 anos e nos maiores de 64, estes últimos máis vulnerables nas patoloxías cardiovasculares.
Los resultados obtidos no traballo, dirixido polos profesores do departamento de Xeografía Alberto Martí Ezpeleta e de Saúde Pública da USC Margarita Taracido Trunk, permiten concluír que a temperatura ambiental se relaciona de forma significativa coa morbilidade en todas as causas e nas enfermidades respiratorias. Ademais, sinala o investigador, “o impacto na morbi-mortalidade por calor maniféstase en efectos cuasi-directos con poucos días de retraso”.
Nun ambiente caloroso como o destes días, por exemplo, en Vigo atopáronse aumentos de risco de hospitalización do 31% ou 17% nos menores de 5 e maiores de 64 anos, respectivamente, con temperaturas de 35°C, chegando incluso ao 90% no caso dos máis pequenos. Tamén se observaron efectos exclusivamente por altas temperaturas mínimas de máis de 20°C con riscos superiores ao 40 % en todos os grupos e cun retardo dun día. Os maiores de 64 mostran un aumento de risco de ata o 59% cunha temperatura mínima de 22°C.
En Ourense detectouse que as altas temperaturas mínimas afectan ás complicacións respiratorias de maneira que nas persoas maiores se rexistrou un día despois dos 22°C un aumento do risco do 56%. Pola súa banda, en Santiago apréciase un risco de hospitalización do 30 % cunha temperatura de 37°C e cun retardo medio de 3 días. Tamén en Pontevedra se puido observar nas enfermidades respiratorias un ascenso do risco de hospitalización ao 52% un día despois dunha temperatura máxima de 40°C.