Asistencia persoal para persoas con discapacidade

Atención persoal para persoas con discapacidade
15 de Decembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

A revisión e potenciación do servizo de atención para persoas con discapacidade é un dos obxectivos do proxecto Rumbo, unha iniciativa de diferentes asociacións que pretende aproveitar os fondos Next Generation para subir un chanzo máis no apoio á xente maior ou con diferentes necesidades de axuda para o desenvolvemento dunha vida independente. 

Representantes de COGAMI, FEDERACIÓN ASPACE GALICIA, FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA e FEGADACE reuníronse esta semana co Director Xeral de persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Fernando González Abeijón, para presentar o Proxecto Rumbo e valorar vías de colaboración para o desenvolvemento do proxecto en Galicia. "O Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva" é unha iniciativa que nace da agrupación de 5 grandes Asociacións representativas do ámbito da discapacidade no Estado español (COCEMFE, CONFEDERACIÓN ASPACE, CONFEDERACIÓN AUTISMO ESPAÑA, FEDACE e PREDIF) que queren implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoio, mediante a combinación de servizos e recursos, impulsando a vida independente e facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar. Rumbo xorde grazas a unha convocatoria do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos Fondos Next Generation da UE. O obxectivo é xerar solucións innovadoras facilitando proxectos de vida independente e participación plena na vida comunitaria a través de solucións tecnolóxicas que permitan a adecuación da vivenda e a súa contorna ás súas necesidades, así como doutros apoios necesarios. O proxecto abordará diferentes accións para a consecución do obxectivo establecido:

- Estudo e detección de necesidades e expectativas dos diferentes colectivos.

- Revisión e potenciación do servizo de asistencia persoal.

- Deseño e implantación de experiencias piloto, na vivenda propia ou en servizos residenciais para favorecer a autonomía, toma de decisións e vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con grandes necesidades de apoio.

- Incorporación de novas tecnoloxías para favorecer a vida independente das persoas con discapacidade.

- Prestación de servizos terapéuticos sociosanitarios de proximidade

- Implantación de accións de empoderamiento e participación cidadá de persoas con discapacidade..

Na reunión dos representantes das 4 entidades participantes co Director Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón, presentouse o proxecto e abordáronse vías de colaboración e seguimento para a implantación do Proxecto Rumbo en Galicia.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora