A Asociación de Magos de Ferrol convértese en realidade

A Asociación de Magos de Ferrol convértese en realidade

24 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Mago Antón, o gran impulsor da maxia en Galicia, e o mago ferrolán, Martín Varela, acaban de cumprir o sono de Lorc & Julit  coa recentemente creada Asociación de Magos de Ferrol. Un obxectivo longamente arelado polo gran mago que fixo varias tentativas para conseguilo. “Agora xa é unha realidade, aínda que el non chegou a vela”, afirma o presidente da asociación, Kiko Varela.

A Asociación de Magos de Ferrol pretende xuntar aos afeizoados da maxia e encamiñalos neste mundo, sen necesidade de formarse de xeito autodidacta.

A cidade de Ferrol era a única das grandes urbes galegas que non contaba cunha asociación de ilusionistas. “Era necesaria a súa creación e non deixar á cidade departamental á cola do ilusionismo”, explica o presidente da entidade.

A asociación tamén colaborará activamente co concello de Ferrol na posta en marcha de distintas iniciativas. Froito desta complicidade xurde “O Jofre Máxico”. Un ciclo que acollerá as actuacións do Mago Vituco e Jessica V.2, o 19 de novembro, de Dani García, o 26 de decembro e de Cayetano Lledó, o penúltimo día do ano, 30 de decembro.

 

José Lorente de Castro

Lorc & Julit era o nome artístico do mago ferrolán José Lorente de Castro e máis a súa muller Julia. Foi un mito do ilusionismo galego, con actuacións que levaron o nome de Ferrol polos 5 continentes.

 

 

Sociedade