A Asociación de Penas de Rodas de Outeiro de Rei aproba un orzamento de 42.000 euros para o 2009

A Asociación de Penas de Rodas de Outeiro de Rei aproba un orzamento de 42.000 euros para o 2009

09 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación Penas de Rodas de Outeiro de Rei celebrou onte a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se aprobou o informe da Xunta Directiva sobre as actividades do 2008, así como o orzamento para o 2009, que ascende a 42.000 euros, e o programa de actividades para este ano.

Entre as principais accións contempladas está a construción dun teito de madeira tratada para cubrir o escenario de pedra da Asociación, que contará cunha axuda da Deputación Provincial de Lugo de 12.000 euros e a limpeza e poda das árbores da área recreativa na que se investirán máis de 6.400 euros, gracias á subvención aportada pola Consellería de Medio Ambiente.

Outras das iniciativas da Asociación chairega serán os diferentes cursos, como o de bailes de salón, o de gaita galega (de duración anual), o de envasado, ademais dos obradoiros de percusión (no mes de febreiro) e de Teatro. Para os amantes do mundo das setas, desde Penas de Rodas programaron, para novembro, unhas xornadas micolóxicas. Aqueles que desexen saber máis do mundo do viño poderano facer nas xornadas de cata de viños que tamén se fixaron para 2009.

Un magosto popular para o vindeiro outono, a edición número 29 da Romaxe Penas de Rodas, as visitas culturais á Ruta dos Muíños de Guitiriz, á Costa da Morte e a Ourense ocuparán os meses da primavera, xunto cun campionato de tute o 8 de marzo, que completa unha programación que aínda pode variarse.

Na Asemblea extraordinaria, que tamén se celebrou onte, aprobouse a composición da Xunta Directiva sen que houbese cambios con respecto a do 2008, polo que José Manuel Pernás seguirá no cargo de presidente.

Sociedade