A Asociación Galega de Apicultura aposta pola mellora xenética das abellas

A Asociación Galega de Apicultura aposta pola mellora xenética das abellas

22 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As instalacións de Aldea Nova , en Sedes, serán o escenario nos vindeiros meses dun proxecto de investigación pioneiro en  Europa. A iniciativa consiste en seleccionar as cepas máis resistentes, procurando “a mellora xenética da abella melífera e a súa adaptación natural para defenderse da varroa (unha das enfermidades endémicas que máis afectan ás abellas en Galicia)”.

Segundo o delegado de AGA en Ferrolterra, Rafael Díaz, o proxecto terá unha duración de dous anos e comezará cun traballo moi riguroso de diagnose de todas as colmeas da comarca. Unha vez seleccionados os exemplares máis resistentes, os responsables da investigación procurarán a súa mellora xenética a través da reducción do seu tamaño.

Coincidindo co arranque do programa, a Asociación Galega de Apicultura ten previsto desenvolver durante a fin de semana unhas Xornadas Técnicas no Parque de Aldea Nova. Comezarán mañá venres, ás sete do serán, cunha conferencia do enxeñeiro agrícola Marcos Varela sobre o “Programa galego de selección de abellas resistentes á Varroa”. Para o sábado están previstas dúas charlas. A primeira correrá a cargo do apicultor alternativo Stephan Braun. O especialista e responsable da Asociación de Apicultores Ecolóxicos de Abella Negra falará ás dez e media da mañá sobre a “Apicultura Ecolóxica Sostible e o retorno á abella pequena”. O programa completarase pola tarde cunha conferencia sobre a “Flora de interese apícola”, a cargo do Catedrático da Escola Universitaria de Oviedo, Juan José Lastra Menéndez.

Sociedade