Ata que o corpiño aghuante

Ata que o corpiño aghuante
29 de Marzo, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Na escolla deste título para a súa última canción, Lidia India fainos un convite a bailar e gozar da vida, compartindo a enerxía solta dos nosos corpos, “ata que o corpiño aghuante”.

 

ESCOITA O PODCAST:

Lidia India é Lidia Castrillón, ou Lidia Castrillón é Lidia India, unha ferrolá que leva na súa música a mestizaxe por bandeira e a conexión co público como intención última en todo o que fai. Lidia é médica de profesión e música de corazón. Unha compositora que, seguramente estaba aí dentro dende sempre pero que medrou despois dunha experiencia vital transoceánica que a marcou de moitos xeitos. 

Os seus ires e vires entre América do Sur e Galicia fixo que a música de Lidia sexa un tornasol, unha feliz mestizaxe na que o galego e a música e instrumentos tradicionais galegos mestúranse con percusións e ritmos do outro lado do Atlántico e de África. Por iso ese termo que ten acuñado para a súa música, a «Afromuiñeira», resulta tan acaído para a súa produción musical, xa que co que é unha clara referencia aos parecidos máis que razoables entre as músicas de América do Sur, as Africanas e a nosa cultura tradicional. Músicas para compartir en comunidade, cantar e bailar, moitos parecidos razoables con aquelas outras culturas, ao fin, segundo Lidia India,  “as cantareiras son un pouco isto, ese verse en persoa, xuntarse, tocar e bailar”. 

Cultura

Publica o teu comentario agora