Atención ás etiquetas

Atención ás etiquetas
10 de Febreiro, 2023 - 08:35 h. | Publicada por Radio Fene

“Non deberíamos volver usar protector solar que non se gastou do ano pasado”. Moito coidado con usar cosméticos abertos hai tempo. Poden estar caducados e, de ser así, no mellor dos casos perden eficacia, pero tamén poden chegar a ser tóxicos. Avisouno a doutora en Farmacia e catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago Carmen García Jares. Falou de seguridade dos produtos cosméticos na Casa da Cultura de Fene, dentro do Ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino.

ESCOITA O PODCAST:

“A etiqueta ten que reflectir todo o que o realmente contén o cosmético”. “Temos que estar moi seguros de que non son do fondo do armario. Hai que facer caso da simboloxía. Unha vez aberto comezan os problemas de degradación, teñen que marcar moi claro a data de caducidade, non de uso preferente”. Pasada esa data o uso pode facer que perdan eficacia ou mesmo ser prexudiciais. “Poden ser as dúas cousas. Algúns compoñentes concretos dos cosméticos degradan por estar exposto á luz, témolo detectado nalgún caso”.  “E claro que perden propiedades, se a luz é un axente oxidante e o cosmético non ten suficientes antioxidantes, iso xera cambios que obrigan a desbotalo”. Os cosméticos son seguros sempre que estean producidos, vendidos e controlados dentro dun mercado como o europeo, que ten normas estritas. Isto é así cos que se comercializan nas perfumerías, farmacias e supermercado, mesmo os de liña branca. Pero non sempre sucede cos que se compran por internet ou nas redes sociais.“Neses casos si temos detectado problemas de falta de adecuación non so da etiqueta ao contido do produto senón tamén compoñentes de risco para o consumidor, advirte a especialista.

Sociedade

Publica o teu comentario agora