Atopan un corpo sen vida

Atopan un corpo sen vida
27 de Agosto, 2020 - 12:56 h. | Publicada por Radio Fene

Os restos dun corpo sen vida atoparonse á ultima hora da tarde do mércores no lugar da Casanova (Barqueira, Cerdido). O achádego motivou o precinto da zona.  Esta mañá desprazáronse ao lugar axentes da Policía Científica e Policía Xudicial da Garda Civil, ademais de forenses, para proceder á retirada dos restos óseos e poder así tratar de determinar a súa identidade.

Lugar onde se atopou o corpo sen vida

A zona estivo custodiada durante toda a noite por axentes da Benemérita. Os ósos foron localizados nunha zona apartada das tres vivendas que compoñen este núcleo rural.

IDENTIDADE

Tras o achado destes restos óseos as especulacións sobre a identidade do corpo comezaron na zona. Así, algunhas fontes consultadas barallan que se pode tratar de Iago de la Puente, o mozo da Coruña cuxa pista se perdeu o 14 de xullo de 2019 cando regresaba do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

De la Puente trasladábase nun tren de FEVE e a súa pista perdeuse na Estación de Cerdido, onde algunhas testemuñas aseguraron velo baixarse do convoi. Tras a súa desaparición despregáronse en varias ocasións varios dispositivos de procura, no que participaron Garda Civil, Protección Civil de varias localidades, ademais de familiares e amigos, que non lograron dar co seu paradoiro.

Entre a estación de tren de Cerdido e o lugar onde apareceron os restos óseos hai menos de dous quilómetros de distancia.

Sociedade

Publica o teu comentario agora