Auga da ducha para as cisternas

Auga da ducha para as cisternas
25 de Outubro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

En Barcelona os edificios novos terán que reciclar a auga da ducha para as cisternas. Esa medida pode parecer innecesaria en Galicia. Pero aquí tamén padecemos a crise hídrica segundo os expertos. Propoñémosvos, neste episodio de “Empeza por ti·, un achegamento ao mundo da auga. Con especial atención ao saneamento e a calidade das augas das nosas rías, unha reivindicación histórica que cobra máis sentido que nunca nos momentos actuais.

ESCOITA O PODCAST:

Escoitamos neste podcast ao catedrático Xosé Lois Otero, pertencente ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Otero é tamén o coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC, unha rede que favorece o acceso axeitado dos membros da comunidade científica e estudantes aos sistemas terrestres, acuáticos e mariños e presta apoio á docencia na formación de novos investigadores.

Dende ese privilexiado lugar de observación e análise, Otero advirte dos enormes problemas da calidade da auga, temos auga pero a súa calidade está empeorando dun xeito alarmante, facendo que, nalgunha ocasión, como ten acontecido na zona de Ferrol,  non se pode subministrar á poboación por que non ten calidade suficiente a pesar de que no encoro das Forcadas si hai auga. Igual de preocupante é a situación que producen os plásticos os plásticos que chegan aos nosos mares; un problema que, lonxe de ser puntual como a crise puntual dos detectados a finais de 2023 e comezos de 2024, leva acompañándonos dende que os plásticos fixeron a súa entrada na vida moderna.  



Un problema tan grande como as cinco illas de plástico flotante que existen nos nosos océanos e ameazan con erradicar boa parte da vida mariña e precipitan o cambio climático. Non aparecen rexistradas en ningún mapa, pero algunhas destas manchas de lixo —como a do Pacífico Norte— teñen un tamaño equivalente a Francia, España e Alemaña xuntas. A Axenda 2030 focaliza 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable imprescindibles para garantir o futuro do planeta, e a meirande parte deles teñen esencia e presencia nas nosas rías; saneamento, calidade do auga, vida mariña, industria, tecnoloxía e moitos outros, precisan de accións directas para acadar os obxectivos propostos.  Non podemos permitir o maltrato aos océanos porque son os auténticos pulmóns do planeta, neles prodúcese o 50% do osíxeno que respiramos. Empeza por ti é un programa das Emisoras Municipais Galegas, realizado coa axuda da Deputación da Coruña.

 

Fotografía: XanXe

Sociedade

Publica o teu comentario agora