Auga perdida e queixas dos buses

Auga perdida e queixas dos buses
29 de Setembro, 2026 - 06:40 h. | Publicada por Radio Fene

A evolución da seca e as deficiencias no transporte público na axenda esta semana do Concello de Fene. Hai preocupación polo subministro de auga se non vén un mes de outubro chuvioso e tamén polas deficiencias no transporte público. A alcaldesa, Sandra Permui, participou o luns na xuntanza da Mancomunidade con Augas de Galicia e o primeiro tenente de alcaldesa, Manuel Polo, reuniuse o mesmo día coa Xunta, na Delegación en Ferrol, para falar dos problemas do transporte. O voceiro do goberno informou en Radio Fene do que deron de si ambas as dúas xuntanzas.

ESCOITA O PODCAST:

“Un tema moi serio que nunca se tratou coa suficiente seriedade”. Diagnose que fai o primeiro tenente de alcaldesa de Fene, Manuel Polo, sobre a xestión do abastecemento de auga na comarca. Co encoro das Forcadas nun nivel moi baixo, se no mes de outubro non chove abondo, podemos entrar nunha fase preocupante, tanto en cantidade como en calidade da auga, advirte Polo que chamou a atención sobre as fugas na tubaxe das Pías. “Un problema estrutural, pero é un problema de Ferrol, a tubaxe é de Ferrol, que vende a auga aos concellos da parte sur da ria”, advirte. Debe ser pois o Concello de Ferrol quen corra co seu mantemento e non o resto de concellos.

Malgasto de auga

As deficiencias na tubaxe das Pías fan perder grande cantidade de auga limpa e tratada, “a metade do consumo de Ares ou Mugardos, se nós gastamos a diario en Fene 3.000 litros, pérdense 1.000, máis a perda de presión”, destaca o primeiro tenente de alcaldesa que tamén lembrou a suba unilateral no prezo da auga aplicado polo Concello de Ferrol “preténdese cobrar ao Concello de Fene máis que aos veciños de Ferrol, non é de recibo, recorrémolo”.

Eivas no transporte público 

“Creo que hai falta de planificación”. Tirou esa conclusión Manuel Polo logo da xuntanza que mantivo con responsables da Delegación territorial da Xunta en Ferrol para abordar o problema do transporte de viaxeiros por estrada. O Concello de Fene trasladoulles as queixas da veciñanza e das persoas usuarias sobre insuficiencia de prazas nos autobuses á Coruña e Santiago de Compostela nalgunhas franxas horarias. Tamén das protestas sobre o estado dalgúns buses, dos estudantes que moitas veces teñen que viaxar de pé, e lembroulle á Xunta que segue pendente o compromiso de instalar novas marquesiñas nas paradas de autobús de Fene.

Institucional

Publica o teu comentario agora