A auga respectou o Entroido de Samede

A auga respectou o Entroido de Samede
09 de Marzo, 2025 - 07:32 h. | Publicada por Radio Fene

A auga respectou o Entroido de Samede. Bonitos, vexigueiros e carolos participaron nun desfile que se iniciou na capela do lugar e rematou no campo da festa. Persoas de Portugal e un grupo de estudosos de Bulgaria asistiron a este Carnaval tradicional do século dezanove e recuperado en 2015. Bailouse a muiñeira cruzada, peza típica da festa.

Neste lugar da parroquia de San Xulián de Vigo (Paderne) o entroido prolongábase durante catro dias. A rapazada bailou a muiñeiriña cruzadiña e 17 parellas de adultos bailaron no momento máis esperado da festa. A organización serviu un churrasco popular baixo carpa e celebrouse o Enterro do Policarpio e unha foliada aberta. Os bonitos levaban pantalón e camisa branca, cinto con pompóns e sombreiros con plumas, flores e cintas de cores que chegan ata os xeonllos. Tocan castañolas típicas. As mulleres danzantes van con saia de baile galego e mantón. Levanta tamén o sombreiro decorado con plumas e flores. Os Carolos van vestidos de branco e levan a cara tapada e os vexigueiros van vestidos co que encontran por casa e levan unha vexiga de porco coa que zorregan aos que miran. O aspecto reivindicativo tamén estivo presente na festa: Un home disfrazado levaba no maletín o letreiro: "Altri, non".

 

Na imaxe, o Entroido de Samede. 2025

Sociedade

Publica o teu comentario agora